COMERCIO

Marta Lois aposta polo comercio tradicional e pola diversificación de usos para manter un casco histórico vivo e dinámico

30/07/2015 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asistiu no Hostal dos Reis Católicos á inauguración do IX Congreso Compostela Monumental "Turismo, Comercio, Europa, Innovación: 30 anos fortalecendo as áreas comerciais urbanas".

Na súa intervención, a concelleira lembrou que o comercio e, máis nomeadamente o comercio tradicional, "están ligados fondamente ao desenvolvemento de Compostela e á súa propia evolución como cidade". En particular, destacou a súa decisiva contribución a "dinamizar e fixar poboación na cidade histórica".

Consciente da importante dimensión turística de Santiago, apuntou que "o comercio da nosa cidade histórica mira a todos eses visitantes que chegan cada día, pero tamén mira ao día a día, aos veciños e veciñas, aos seus clientes de sempre". Por este motivo, indicou que o Goberno municipal aposta por "manter un casco histórico vivo, dinámico, que lle preste aos seus habitantes os servizos que precisan para que sigan residindo nel".

"E para recuperar ese casco histórico vivo, apostamos claramente por unha diversificación de usos e por un comercio tradicional que, estamos seguros, supón un valor engadido en si mesmo –tamén no eido turístico- para a nosa cidade histórica", explicou Marta Lois. Neste sentido amosouse convencida de que "mantendo o noso comercio de sempre estamos asegurando tamén o futuro do noso casco histórico e a pervivencia do que tradicionalmente nos fixo diferentes e atractivos para os que nos visitan".

Ademais da concelleira Marta Lois, presentaron no acto inaugural do Congreso a directora xeral de Comercio do Ministerio de Economía e Competitividade, Carmen Cárdeno; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e a concelleira de Turismo, Cultura e Patrimonio do Concello de León, Margarita Torres.

Compartir: