Clara Campoamor contará cunha rúa en Compostela
28/09/2006 "Tedes o dereito que vos deu a lei, a lei que fixestes vós, pero non tedes o dereito natural fundamental que se basea no respecto de todo ser humano, e o que facedes é detentar un poder; deixade que a muller se manifeste e veredes como ese poder non podedes seguir detentándoo...". Estas palabras foron pronunciadas por Clara Campoamor o 1 de outubro de 1931. Ese día, as Cortes aprobaron o dereito ao voto das mulleres, que quedaría recollido no artigo 36 da Constitución da II República. 75 anos despois, a cidade de Santiago homenaxea a esta muller cun programa de actos para o domingo 1 de outubro, ás 12:30 horas, na Praza do Toural. Ese día, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciará a rúa da cidade que levará o nome de Clara Campoamor.
A homenaxe comezará coa lectura dun manifesto a cargo da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, da concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, da presidenta da Asociación do Traxe Galego, Pilar Domínguez, e dunha representante da Universidade. Posteriormente, descubrirase unha placa en homenaxe a Clara Campoamor. O acto rematará coa actuación do grupo musical galego Leilía.A propia Adelaida Negreira presentou estes actos e lembrou a homenaxe que xa se lle rendera a esta muller no mes de marzo. Nacida un 12 de febreiro de 1888, esta madrileña titulada en dereito fora elixida en 1931 para ocupar un escano no Congreso dos Deputados da II República. Destacouse como deputada, principalmente pola defensa que fixo dos dereitos da muller. Introduciu no Parlamento a Lei de Dereitos do Neno, ademais de participar na elaboración e defensa da Lei do Divorcio. Ao fin, o 31 de outubro de 1931, conseguiu para sempre a igualdade de dereitos electorais do home e da muller.
En 1936 ten que partir ao exilio, establecéndose en Bos Aires e rematando os seus días o 30 de abril de 1972 en Lausanne (Suiza). Nunca máis puido volver a España, onde lle agardaban doce anos de cárcere.