EDUCACIÓN

As aves verifican a boa saúde ambiental de Santiago

28/09/2006 Con motivo da celebración do Día Internacional das Aves, o xoves 5 de outubro, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), en colaboración co Departamento de Educación e Mocidade, organizan un programa de actividades. O obxectivo é contribuír a unha maior sensibilización da poboación de Compostela sobre o medio, neste caso arredor das aves.

A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou o programa de actos, que comezarán, ás 19:00, no Centro Sociocultural das Fontiñas, coa proxección de diapositivas de aves de Kenia e das Illas Galápagos. Para o sábado 7 de outubro, ás 10:00 horas, quedará unha xornada de anelamento científico de aves na Granxa do Xesto. Xa pola tarde, proxectarase nas Fontiñas a curtametraxe "O monte de San Xurxo", de Pablo García Rivas. O calendario complétase o sábado 14 cun paseo pola Alameda para observar as aves. O punto de encontro será a fonte situada fronte ao Instituto Rosalía de Castro.

"As aves son un dos mellores indicadores da saúde medioambiental e coñecendo as aves podemos detectar cambios no noso contorno", apuntou Agustín Alcalde, da SGHN. Lembrou que Santiago, grazas ao seu contorno natural e ás abondosas zonas verdes, ten a fortuna de contar con numerosas especies. "No mesmo paseo da Susana podemos atopar 50 variedades distintas de aves e compartir especies con Kenia ou as Illas Galápagos". Mesmo nos arredores da Catedral poden atoparse ata 12 tipos de paxaros.

Compartir: