CIDADE

O alcalde aposta por preservar o modelo de cidade de convivencia

28/09/2006 "As cidades son un reflexo da sociedade e das necesidades do ser humano", sinalou o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, a propósito dos cambios das urbes e da temática do novo curso que vén de abrirse en Compostela, titulado "Mutacións urbanas". Na súa opinión,"a cidade é unha realidade viva, na que hai que defender o espazo público como espazo de convivencia".

Na inauguración do curso, Sánchez Bugallo defendeu que, malia as contradicións que poidan xurdir, "trataremos no posible de preservar o modelo de convivencia na cidade". Nese contexto, "se hai algo mutable e en permanente estado de cambio é o modelo de cidade, que emana das necesidades das persoas", apuntou. A ese proceso de cambios tamén se referiu a concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, ao falar dunha "Compostela mutante, viva e palpitante".

Pola súa parte, o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, reiterou o apoio do organismo que dirixe a este tipo de iniciativas como punto de encontro e reflexión sobre a recuperación urbana e o proceso de rehabilitación da cidade histórica. Finalmente, a directora do curso, Concha Fontenla, invitou aos alumnos a unha participación activa; unha participación na que a habitabilidade, as mutacións urbanas, a necesidade de incorporar novos materiais ou influxo do turismo sexan motivo de debate aberto.

"Mutacións urbanas" é unha invitación a profesionais, alumnos e cidadáns en xeral para reflexionar sobre as transformacións acaecidas no noso entorno. A cita é en A Chocolataría, onde se reúnen expertos técnicos expertos técnicos, de diferentes sectores, que aportarán ideas e propostas para espazos urbáns ata o sábado 29. O obxectivo é dar unha resposta ás minguadas necesidades de interconexión espacial e habitabilidade da rúa.

"Incorporemos a noción de instrumentación, asinemos un novo contrato coa ecoloxía: de maneira activa, pragmática, manipulable, mellorable, abramos os ollos ás novas relacións e cualidades espaciais, difuminemos contornos. Disolvamos límites, fusionemos, hibridemos, incorporemos as novas tecnoloxías de análise e acción, traballemos coas variables de mobilidade e comunicación e sempre, sempre, evitemos o previsible". Seguindo este plantexamento de Francesco Careri, dende o curso "Mutacións urbanas" propíciase un debate dende o que se pretende dar paso á acción, superando as barreiras existentes entre xeografía, arquitectura, artes visuais, pensamento e sociedade.

Compartir: