CULTURA
Monteverdi, a transcendental transición ao stile moderno
En palabras de José Luis Fernández, Claudio Monteverdi (1567-1643) non foi soamente un xenio transformador das formas musicais, tamén resultou bastante precoz, o que adoita pasar desapercibido. Aos 15 anos xa publicou os seus Sacrae Canciunculae e aos 20 o Primo Libro di Madrigali, estando aínda en Cremona como discípulo de Marc-Antonio Ingegneri. A escritura de madrigais continuou durante a súa estanza en Mantua ao servizo da corte dos Gonzaga e chegou á súa culminación en Venecia, xa como mestre de capela da Basílica de San Marcos. Son oito en total os libros de madrigais da súa autoría e aínda que existe un noveno, este é unha edición póstuma realizada en 1651 que recompila obras de distintas épocas.
O xénero madrigalesco é case unha constante na produción de Monteverdi e, como tal, permite seguir a evolución estilística do compositor dende a súa xuventude ata cinco anos antes da súa morte. Evolución progresiva que vai dende o puro estilo polifónico a cinco voces dos catro primeiros libros, pasando pola introdución do recitado e o baixo continuo nos libros quinto e sexto e ata alcanzar o cumio do oitavo libro, os Madrigali guerrieri e amorosi, que inclúe a audaz, innovadora e expresiva obra Il Combattimento di Tancredi e Clorinda.
A obra de Claudio Monteverdi reflicte por si soa as distintas etapas no paso do Renacemento ao Barroco, o que é un feito bastante singular. As progresivas innovacións que van aparecendo nos seus libros de madrigais, influídas polos ideais da florentina Camerata Bardi que tamén conduciron á composición de L'Orfeo, considerada como primeira ópera da historia, provocaron a previsible irritación dos conservadores, encabezados polo cóengo boloñés Gian Maria Artusi, pode que motivada por cuestións estéticas ou quizais polo éxito editorial dos libros, que tiveron numerosas reedicións e chegando a publicarse o sexto libro sen dedicatoria ningunha, feito insólito por entón e demostrativo da confianza do editor no éxito da publicación renunciando ás subvencións, que diriamos agora.
A cuestión é que Monteverdi non enfrontou os dous estilos, denominou prima pratica ás composicións estritamente polifónicas sometidas a unhas regras moi severas e que daban moita máis importancia á música que ao texto e seconda pratica á derivada de utilizar a espressione falante apoiada no baixo continuo (inicialmente tiorba, arpa ou clave), que dá grande importancia á comprensión do texto. Pero progresivamente foi abandonando a primeira, tamén chamada stile antico, para abundar na segunda ou stile moderno, denominacións que se deben aos florentinos. En ambos os dous estilos dá mostra Claudio Monteverdi da máis absoluta perfección, aínda que a súa máis notable achega á historia da música neste campo é o paso progresivo que vai dando á chamada seconda pratica, que conducirá de cheo ao estilo barroco e á ópera, posterior raíña dos diferentes xéneros musicais.
Rinaldo Alessandrini e o seu Concerto Italiano volven ao Festival Via Stellae cun programa de Claudio Monteverdi
30/06/2015 Volven ao Festival Via Stellae Rinaldo Alessandrini e o seu Concerto Italiano. Trinta anos de éxitos en todo o mundo, recoñecementos e premios avalan o rigor da carreira desta agrupación italiana que contribuíu decisivamente a revolucionar os criterios para a execución da música antiga. Poderemos escoitalos este mércores 1 de xullo, a partir das 20:30 horas, na Igrexa de San Domingos de Bonaval. A entrada a este concerto será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Principal (que abre de 18:00 a 21:00 horas) ou, de quedar algunha entrada, dende unha hora antes de que comece o concerto na propia Igrexa de Bonaval.
Concerto Italiano regresa ao Via Stellae coa súa grande especialidade: os madrigais de Claudio Monteverdi. Os nove libros de madrigais do compositor de Cremona constitúen a culminación deste xénero. Nada mellor que a sensibilidade, a técnica e a expresividade de Concerto Italiano e Alessandrini para descubrir a mestría de Monteverdi deixándonos levar da prima á seconda pratica, da "antiga" polifonía renacentista (libros primeiro ao cuarto) á "moderna" monodia acompañada característica do barroco (quinto libro).Monteverdi, a transcendental transición ao stile moderno