CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpreta este venres as tres últimas sinfonías de Mozart no Hostal dos Reis Católicos

29/06/2015 A Real Filharmonía de Galicia participa na X edición do festival de música clásica Via Stellae, que se está a celebrar en Santiago de Compostela. A orquestra actúa este venres, 3 de xullo, no Hostal dos Reis Católicos, no Patio de San Xoán, ás 20:00 horas. Os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG. En caso de choiva, o concerto trasladarase ao Teatro Principal.

A orquestra interpretará as tres últimas sinfonías do compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart (1756-1791). Trátase da Sinfonía nº 39, a Sinfonía nº 40 e a Sinfonía nº 41, coñecida como "Xúpiter".

Mozart compuxo 41 sinfonías ao longo de toda a súa traxectoria musical e as tres últimas son as máis célebres e as de maior calidade artística. Escribiunas de xeito consecutivo nunhas poucas semanas do verán de 1788 e algúns considéranas como un atrevido tríptico sinfónico. Clasificadas dentro da época vienesa do compositor, son verdadeiras obras mestras do clasicismo formal da época.

A Real Filharmonía de Galicia acode así á súa fiel cita co Festival Via Stellae, presentando estas tres obras que conteñen unha expresividade, un dramatismo e unha densidade nunca alcanzados ata entón, a pesar de seren escritas nun dos momentos máis duros da vida do compositor.

A actuación é gratuíta, previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Teatro Principal, cun máximo de dúas entradas por persoa. As localidades aínda dispoñibles poderán recollerse no lugar do concerto dende unha hora antes do seu comezo.

O Festival Via Stellae é unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia e que conta co apoio do Consorcio de Santiago, un certame estival que se celebra en diferentes espazos do casco histórico compostelán. Durante varias semanas a cidade énchese de música antiga e barroca, que se compaxina con épocas e xéneros musicais diversos, interpretados por artistas de distintos perfís e procedencia.

Compartir: