ACCIÓN CULTURAL

Raquel Andueza e La Galanía lembran a Tarquinio Merula no Via Stellae

29/06/2015 Despois da inauguración cun concerto do pianista Uri Caine, na segunda xornada do Via Stellae teremos a Raquel Andueza e La Galanía achegándonos a un dos compositores máis importantes –e tristemente un dos máis esquecidos– do século XVII, con ocasión do 350º aniversario da súa morte: Tarquinio Merula. O concerto será este martes, a partir das 20:30 horas, no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). A entrada a este concerto será de balde previa retirada de invitacións no despacho de billetes do Principal (que abre de 18:00 a 21:00 h) ou, de quedar algunha entrada, dende unha hora antes de que comece o concerto no propio Paraninfo.

A música de Tarquinio Merula non ten nada que envexar á dos seus contemporáneos Claudio Monteverdi, Francesco Cavalli ou Barbara Strozzi. Organista, violinista e compositor italiano, foi un dos autores máis innovadores no campo da música sacra do Seicento. Moito máis coñecido pola súa música instrumental, unha das voces máis autorizadas e especializadas neste repertorio, a soprano navarra Raquel Andueza, proponnos un programa de cancións para voz sola cheas de beleza, frescura e poesía nas que Tarquinio Merula desprega todo o seu abano estilístico cun uso da retórica onde as notas se dobregan ao texto. Música en estado puro.

Por un deses inexplicables paradoxos do destino, a figura do compositor, organista e violinista Tarquinio Merula permanece aínda á sombra dos Monteverdi, Carissimi, Cavalli, Cesti, Strozzi, Ferrari ou Frescobaldi, a pesar de que catro séculos antes gozaba de igual fama e foi un dos autores máis innovadores no xénero sacro durante o século XVII. A soprano Raquel Andueza e o tiorbista Jesús Fernández Baena, intentando reparar este inxusto esquecemento, adoitan incorporar nos seus programas de concerto os seus canzone a voce sola, algunhas delas gravadas en diferentes discos nunha progresiva reivindicación da gran calidade da obra de Tarquinio Merula, tanto profana coma relixiosa, que culminou recentemente coa gravación de Pegaso (Anima e Corpo), na que o seu grupo musical, La Galanía, compila os seus Salmi, Motetti, Suonate e Letaniae (Venecia, 1640) rendendo unha verdadeira homenaxe a un dos máis grandes compositores italianos do Seicento.

Compartir: