ALCALDÍA

O pleno de constitución celebrarase este luns

29/06/2015 Despois da terceira reunión da xunta de voceiros, aínda non hai acordo respecto ao réxime de dedicacións exclusivas e persoal de confianza. Así o indicou tras a xuntanza o alcalde, Martiño Noriega, que anunciou que o pleno de constitución terá lugar o vindeiro luns, 6 de xullo.

Martiño Noriega seguiu mostrándose "optimista" sobre a posibilidade de chegar a un acordo antes do pleno de constitución. Por tal motivo, durante esta semana seguirán as xuntanzas cos voceiros municipais, tanto a nivel individual como a través do procedemento informativo previo ao devandito pleno, en ausencia polo momento das comisións informativas.

Sobre a proposta do grupo do Goberno, reiterou que ten unha "vocación inclusiva e de mantemento do reparto de roles", sempre baixo a filosofía de "racionalizar" a estrutura municipal e coas "liñas vermellas" marcadas polo código ético de Compostela Aberta no que se refire ás retribucións.

En calquera caso, Noriega afirmou que a proposta do grupo do Goberno mantén a "coherencia" respecto a gobernos anteriores. Neste sentido, indicou que se realizaron táboas comparativas cos gobernos locais dende principios dos 90, polo que a proposta é "respectuosa" con esa liña marcada dende entón e coa "tradición de colaboración" neste sentido entre os grupos municipais.

De non chegarse a un acordo, dixo, "será o Pleno o que fale" este vindeiro luns, xa que é vontade do alcalde "non adiar máis este proceso e a situación de precariedade na que veñen traballando os concelleiros, mantendo os seus empregos e dobrando xornadas laborais".

Respecto á representación en comisións informativas e organismos municipais, o alcalde reiterou a vontade de garantir a representación dos diferentes grupos municipais.

Compartir: