CONVIVENCIA

Continúan as obras do paso inferior de Conxo

29/06/2015 Tal e como se acordou a semana pasada na reunión convocada polo alcalde, Martiño Noriega, para desatascar a situación de parálise dos últimos meses, hoxe luns retomáronse as obras do paso inferior de Conxo na súa segunda fase.

O concelleiro de Convivencia, Xan Duro, explicou en rolda de prensa que, con este motivo, quedará afectado o tráfico a partir deste martes, 30 de xuño, a partir das 10:00 horas, do seguinte xeito:

- Producirase o corte total da calzada sentido A Coruña na estrada SC-20 entre o punto quilomérico 7+500 (glorieta de Conxo) e o 7+800 (paso inferior da travesía de Conxo), circulando o tráfico pola calzada sentido Pontevedra cun carril para cada sentido de circulación.

- Manterase a prohibición do xiro á esquerda na mencionada glorieta, para o tráfico sentido Pontevedra.

- Manterase a prohibición do acceso dende a rúa Sánchez Freire á glorieta, excepto para os autobuses urbanos de liña.

Os traballos a realizar nesta segunda fase consistirán na construción dos muros necesarios da estrada SC-20 para rebaixar a rasante actual do periférico en Conxo.

Tanto os desvíos como os itinerarios alternativos recomendados durante esta segunda fase estarán debidamente sinalizados. As principais alternativas de alta capacidade para os accesos á cidade e hospitais, ao tramo da SC-20 en obras, serán a AP-9 e a SC11.

Os desvíos tamén garantirán a permeabilidade entre barrios para o tráfico local a través dos distintos pasos inferiores da SC-20.

Durante a primeira fase das obras, o Ministerio de Fomento realizou unha campaña xeotécnica con obxecto de determinar o procedemento construtivo idóneo para executar os muros, estruturas e drenaxes previstas minimizando as afeccións aos usuarios do viario e aos veciños do barrio de Conxo.

Realizáronse traballos de roza, movemento de terras, prolongación do paso inferior da travesía de Conxo para ampliar a sección da estrada, con obxecto de dispor do espazo necesario para aloxar os 4 carrís do tronco da SC-20 e os ramais de conexión coa futura glorieta elevada. Tamén se acometeron diversos traballos relacionados coa localización de servizos que se verán afectados as obras (comunicacións, servizos municipais de abastecemento e saneamento).

O concelleiro apuntou que, segundo avancen as obras, iranse producindo modificacións nesta disposición da circulación do tráfico, que se anunciarán coa debida antelación. Do mesmo xeito, indicou que os cambios que se producirán a partir do martes e os futuros serán comunicados a veciños e comerciantes do barrio.

Compartir: