CULTURA

Teatro, humor, música e acrobacias na programación cultural desta fin de semana

29/05/2015 A programación cultural desta fin de semana ofrece seis espectáculos para elixir arredor do teatro, do humor, da música e do circo. O sábado teremos unha nova función de Saxo tenor co Teatro Nacional Dona Maria II, humor con Dani Mateo no ciclo Falabaratos e concerto do Compostela Rock con Agapornis e The Fabulous Resaca Brothers. Na xornada do domingo, concerto da Banda Municipal de Música na Alameda; espectáculo de danza acrobática da compañía Zen del Sur e concerto de Christian McBride dentro do ciclo Jazz 1906.

O sábado, ás 20:30 horas, a compañía Teatro Nacional Dona Maria II ofrece unha nova función de Saxo tenor, de Roberto Vidal Bolaño. As entradas inclúense dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués e, se se mercan soltas, teñen un prezo de 10 euros. Poden comprarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas de martes a sábado), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Unha desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e prostitutas: foi así que Roberto Vidal Bolaño subtitulou esta peza escrita en 1991. O compostelán é un dos máis importantes dramaturgos, directores e actores galegos contemporáneos. En Saxo tenor, o autor –herdeiro lexítimo de Ramón Maria del Valle Inclán– propón un verdadeiro esperpento de final do século XX.

Esta peza recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro 1991 ao mellor texto teatral orixinal que agora chega á súa cidade da man da compañía nacional de teatro lisboeta Dona Maria II.

Dani Mateo
Daniel Mateo Patau nace o 1 de xuño de 1979 en Barcelona (Cataluña). Cómico, actor e presentador de televisión e radio española que actualmente traballa en El Intermedio (La Sexta) e en Yu no te pierdas nada (Los 40 Principales).Licenciado en Xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona, iniciou a súa traxectoria na radio local e pasou por varias emisoras profesionais de Cataluña como Catalunya Cultura, Onda Cero, Radio Gràcia, Ona Catalá, RAC 1 e Flaix FM.

A cita con Dani Mateo é este sábado, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. Ademais das vías habituais de venda de Abanca e no Teatro Principal, as entradas poden tamén retirase o propio día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio dende as 18:00 horas.

Agapornis + The Fabulous Resaca Brothers
Noite cos sons mais movidos este sábado, ás 21:00 horas, Sala Capitol. Blues macarra dende a chuviosa cidade de Compostela con The Fabulous Resaca Brothers e o funk máis dinámico dende a soleada Cádiz con Agapornis. Un contraste ben marcado, cada un cunha identidade propia pero ambos cun mesmo fin, non deixar que ninguén teña os pes pegados ao chan nin un intre.

As entradas teñen un prezo de 6 euros anticipada e 8 o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, Ticketea, A Reixa Tenda e salacapitol.com.

Banda Municipal de Música
Este domingo 31 de maio, ás 12:00 horas, no parque da Alameda, a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida polo mestre Casiano Mouriño Maquieira, deleitaranos co seu habitual concerto matinal, no que interpretarán obras de Chaikovsky, Pazos ou Freire, entre outros. O concerto é de acceso libre.

Heian, con Zen del Sur
A compañía Zen del Sur é o resultado dun traballo conxunto de bailaríns, acróbatas, músicos contemporáneos e deseñadores co obxectivo común de buscar un diálogo creativo entre son e movemento, perseguindo a emoción. A súa primeira produción é Heian, que en xaponés significa paz e tranquilidade.

Música en vivo (instrumentación clásica, contemporánea e de orixe africana), danza acrobática (con recursos de danzas urbanas) e circo fusiónanse en Heian, un espectáculo multidisciplinar cargado de forza e sensibilidade que mereceu xa numerosos e prestixiosos premios.

O espectáculo poderá verse este domingo, ás 19:00 horas, no Auditorio Abanca. As entradas teñen un prezo de 10 euros e existe unha entrada familiar: 4 entradas a 30 euros, o prezo de 3. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal, en entradas.abanca.com ou no 902 434 443, e o día do evento no propio Auditorio Abanca dende ás 17:00 horas.

Christian McBride
A xornada do domingo péchase no Teatro Principal, ás 20:00 horas, co concerto do Christian McBride Trio, incluído no ciclo Jazz 1906. Christian McBride está chamado a ser o sucesor de Ron Carter no don da omnipresencia. Xa pasou de longo o número de 300 colaboracións como sidemen nunha discografía que inclúe ao mellor do mellor do jazz de todos os tempos: Freddie Hubbard, Sonny Rollins, McCoy Tyner, Hank Jones, Pat Metheny, Chick Corea, Herbie Hancock, Michael Brecker e un longuísimo etcétera.

As entradas teñen un prezo de 20 e 17 euros (anfiteatro) anticipada e 25 e 22 o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00h), en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Compartir: