CULTURA

O público elixirá os temas que quere escoitar no "Carta blanca" de Quique González

30/04/2015 En novembro concluía a xira Soltad a los perros, de José Ignacio Lapido e Quique González, cun éxito de crítica e público que deixou a moitos seguidores con gañas de máis. Poucas semanas despois, Quique González púxose de novo na estrada para percorrer España. Unha xira moi especial durante a que está actuando en teatros e salas de aforo reducido sen máis compañía que a da súa guitarra e a súa harmónica. Así, chega este venres 1 de maio a Compostela, dentro do ciclo Íntimo & Acústico. Poderemos escoitalo no Teatro Principal a partir das 21:00 horas.

Chega con Carta blanca, que é o título dunha proposta na que o repertorio cambiará cada noite. Unha actuación en acústico hai uns meses en Málaga que se prolongou durante máis de tres horas atendendo as suxestións dos asistentes –"máxica" en palabras do músico madrileño– serviu de inspiración a esta Carta blanca (ao seu público) de Quique González. Así, o público será quen elixa que temas quere escoitar.

As entradas teñen un prezo de 20 euros anticipada e 23 o día do concerto (os prezos serán de 18 e 21 € para o anfiteatro) e poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) así como en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

El Meister e Carmen Boza, próximas propostas
Tras Quique González, chegarán á nosa cidade, dentro do ciclo Íntimo & Acústico, El Meister e Carmen Boza. El Meister é o alcume en solitario de Javier Vielba, vocalista de Arizona Baby e Corizonas, dous dos grupos máis emblemáticos e recoñecidos do actual panorama alternativo nacional. Poderemos escoitalo o 3 de xuño na Sala Capitol.

Carmen Boza estará o 12 de xuño no Salón Teatro. Quen é Carmen Boza? Unha acabada de chegar? Si, pero non. Xa pasaron cinco anos dende que as cancións desta moza gaditana comezaron a correr por YouTube en forma de pequenas pílulas nas que apenas se albiscaban as súas mans e a súa guitarra. Dende daquela, un longo percorrido até que chegou o primeiro disco financiado mediante crowfunding.

Compartir: