CONSORCIO

O Consorcio saca a concurso o remate das obras do primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá en España

30/04/2015 O Consorcio de Santiago licita o remate das obras do que será o primeiro Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación que existirá en España, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela. A obra sae a concurso por un importe de 1.213.918,51 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de maio.

O centro está promovido pola Fundación Laboral da Construción, en colaboración co Consorcio de Santiago, e conta co apoio do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Será pioneiro en todo o territorio nacional, xa que se destinará de xeito específico á formación especializada e á reciclaxe no eido da rehabilitación de traballadores e empresas da construción. Está considerado polos especialistas como unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento de políticas activas de formación e emprego no sector da construción.

Ademais da construción, xa rematada, de novas edificacións destinadas a obradoiros, nunha primeira fase rehabilitáronse algunhas das edificacións da antiga fábrica de curtidos, e colocouse a cuberta a todas para garantir a conservación do conxunto. Mentres que as novas edificacións foron financiadas pola Fundación Laboral da Construción co apoio da Xunta de Galicia, o Consorcio financiou a primeira fase de rehabilitación das edificacións existentes.

Agora, co obxectivo de que o centro sexa operativo na maior brevidade, e tras o acordo adoptado no Consello de Administración do Consorcio celebrado o pasado 17 de marzo, iníciase o proceso de execución da segunda fase das obras de rehabilitación das edificacións existentes; que se destinarán a aulas, oficinas, salón de actos, despachos de profesores e arquivo. A intervención centrarase no seu acondicionamento interior.

O prazo de execución das obras estímase en oito meses. Así, prevese que o centro estea plenamente operativo durante 2016. O proxecto elaborouno a Oficina Técnica do Consorcio, que tamén se encargará, como nas fases anteriores, da dirección da obra.

Compartir: