ALCALDÍA

O Foro da Intermediación e o Emprego pechou a súa cuarta edición con máis de 3.000 asistentes ás súas 62 actividades

30/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausuraron o Foro da Intermediación e o Emprego, celebrado este mércores e xoves no Palacio de Congresos. Esta edición contou coa participación de 3.000 persoas nas 62 actividades de formación e de intercambios. Ademais, ofertáronse 200 postos de traballo polas 63 empresas presentes, para os que se apuntaron máis de 8.000 persoas.

Segundo Agustín Hernández, estes datos indican que este modelo de evento "suscita interese e pode ser de grande utilidade". Neste sentido, situou o Foro "nese camiño de crear un ámbito onde a oferta e a demanda real e máis próxima se encontren e se poidan satisfacer mutuamente, evitando así o paradoxo de que existan moitas persoas con necesidade de traballo, cunha determinada formación e capacitación, e postos de traballo, que poden encaixar con ese perfil, sen cubrir".

Destacou que no Foro se puideron coñecer experiencias positivas, tanto para as persoas que pretende reincorporarse ao mercado laboral, como para aquelas que buscan obter un primeiro emprego, e tamén establecer contactos e fixar entrevistas para un posible acceso a ofertas concretas que poidan encaixar coas nosas expectativas.

O alcalde tamén agradeceu a participación neste Foro de destacadas empresas dos máis diversos sectores e o apoio de todos os axentes sociais implicados para facer deste Foro un referente da mediación laboral en Galicia.

Máis de 3.000 asistentes
A cuarta edición do Foro da Intermediación e o Emprego (FIE) pechou con máis de 3.000 asistentes ás 62 actividades de formación e encontros con empresas, superando con notable alto a satisfacción xeral dos participantes cos contidos e co resultados do Foro.

Durante estes dous días de Foro, xestionáronse 141 ofertas de emprego e enviáronse 1.685 currículos axustados aos perfís solicitados polas empresas. A isto hai que xumar as diferentes actividades, coma cursos, charlas, simulacións de entrevistas, relatos de casos de éxito e encontros con empresas. Máis de 1.600 persoas participaron nos cursos de formación e 1.414 nos encontros con empresas.

Un dos obxectivos fundamentais desta convocatoria era achegar ás persoas, na procura de emprego activo, ás empresas. Por iso, as accións realizadas centráronse na importancia das redes sociais, do emprego das novas tecnoloxías para mellorar o currículo e das ferramentas para superar un proceso de selección.

Outro dos principais obxectivos deste Foro era mellorar a cualificación dos asistentes e preparalos para desenvolverse con normalidade nunha entrevista de traballo. Durante esta edición foron 62 os cursos e obradoiros ofertados, dende os centrados no incremento da cualificación profesional ata as máis variadas técnicas de relaxación, habilidades sociais para afrontar unha entrevista e procura de traballo a través da rede.

Esta edición contou tamén cunha zona multimedia na que se facilitaba aos asistentes o envío de currículos a máis de 60 empresas.

Compartir: