XUNTA DE GOBERNO

Máis de 400.000 euros para a rehabilitación doutras 21 vivendas no Casco Histórico

30/04/2015 Deuse conta na Xunta de Goberno da sinatura dun novo acordo bilateral coa Xunta de Galicia, no marco das liñas de financiamento previstas polo Ministerio de Fomento no marco do Plan estatal de fomento do alugueiro de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas 2013-2016. Esta nova fase, a número 13, permitirá a rehabilitación de 21 vivendas na Área de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco Histórico, cun custo total de 425.846 euros

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, estas axudas van dirixidas a actuacións incluídas en convenios anteriores xa cualificadas provisionalmente e que aínda non se tiveran xustificado, polo que ao Concello de Santiago só lle afecta a unha fase, a número 13 –incluída nun convenio de 2011-, xa que as actuacións nas ARI de Vista Alegre e de Pontepedriña foron xa todas xustificadas.

"Esta fase 13, que é obxecto do novo convenio para a anualidade de 2015, inclúe a rehabilitación de 21 vivendas, cun custo total de 425.846 euros, dos que o Ministerio de Fomento achega axudas por importe de 124.938 euros, a Xunta 67.011 euros e o resto correspóndelle aos particulares que acometen as obras", explicou o alcalde.

Dentro do convenio figura tamén unha axuda de 10.500 euros (500 € por vivenda) para financiar o custo dos equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social, que afronta o Concello de Santiago e que supón un custo total de 225.434 euros.

"En total, o acordo recolle unha achega das tres administracións de 417.383 euros, que xunto coa achega dos particulares beneficiarios supón a mobilización de 651.281 euros", concluíu Agustín Hernández.

Compartir: