CULTURA

Visitas guiadas e talleres no Auditorio

31/03/2015 Ata o mes de xuño de 2015 pode verse no Auditorio de Galicia a mostra Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns', que nos achega a unha parte da extensa produción de Leopoldo Nóvoa, un creador que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. A liña de traballo que propón a comisaria, Mercedes Rozas, pasa por traer á sala diferentes obras en papel e cartón (probas de autor, gravados, pochoirs, técnicas mixtas sobre papel etc..) moitas delas inéditas e reunidas para a que é a primeira mostra, nun equipamento público, dende o óbito do artista.

A colaboración coa USC- Facultade de Xeografía e Historia, co curso de Grao en Historia da Arte e co Máster Universitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado permite a alumnos e alumnas propoñer actividades paralelas ao desenvolvemento do proxecto expositivo con visitas guiadas en talleres didácticos:

- Visita guiada e taller: Achegamento á pintura informalista.
- Actividades para os máis pequenos, traballando con teas, papeis, cartóns para que eles poidan confeccionar as súas propias obras. Unha sopa de letras e outras actividades recuperarán ao final do percorrido as ideas máis importantes da exposición.
- Actividades para ESO. Traballarase o espírito crítico confrontando a figuración co informalismo, creando obras e debatendo sobre o resultado.

A actividade poderá facerse en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, previa reserva no e-mail exposicions@auditoriodegalicia.org ou nos teléfonos 981 574 152/3 en horario de 9:00 a 14:30 horas.

Compartir: