FACENDA

O Concello destinará o superávit do orzamento de 2014 a un contrato de pavimentación das vías públicas e a novos proxectos comerciais, turísticos e culturais

31/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, deron conta da aprobación pola Xunta de Goberno da liquidación do orzamento do exercicio 2014, que reflicte un superávit de case 1,9 millóns de euros. Esta cantidade, sumada ao aforro de 1,2 millóns de euros polo refinanciamento do crédito ICO solicitado en 2012 e ás baixas nas adxudicacións dalgúns proxectos, permitirá habilitar un crédito de 3,1 millón de euros, parte do cal se destinará a un novo contrato de pavimentación e a novos proxectos comerciais, turísticos e culturais.

En canto á liquidación do orzamento de 2014, o edil de Facenda resaltou o alto nivel de execución tanto dos ingresos (92,61%) –case o 100% descontando o crédito de 6 millóns de euros do que só se fixo uso do 16,16% (969.697,13 euros)- como dos gastos (96,70%). Segundo Quiroga, isto dá conta duns "orzamentos axustados á realidade" que, non obstante, xeraron un superávit de 1.885.157,69 euros, dos que 162.636,99 euros corresponden ao Auditorio e o resto ao Concello.

A liquidación tamén reflicte a estabilidade financeira do Concello (5.941.442,68 euros) e un nivel de redución da débeda de 13.815.761 euros no exercicio 2014 e de xa 24 millóns de euros en toda a lexislatura. Isto supuxo unha redución da débeda por habitante de 244 euros entre 2010 e 2014, pasando dos 676 aos 432 euros.

Refinanciamento do préstamo ICO
Como consecuencia da boa xestión económica, Quiroga destacou que o Concello puido cumprir con moita anticipación (case sete anos) as condicións requiridas polo Ministerio de Facenda dentro do Plan de Axuste (déficit, límite de débeda, estabilidade orzamentaria, regra do gasto e pago a provedores) para poder acceder a un refinanciamento do crédito ICO solicitado en 2012 por importe de 12 millóns de euros.

É por iso que o Concello subscribiu unha operación de crédito a un interese dun 0,86% moi inferior (-4,39%) ao que rexía o devandito crédito ICO (5,25%). Isto traducirase nun aforro de 1,4 millóns de euros en toda a vida do crédito, ata maio de 2022.

Novos investimentos
O aforro no exercicio 2014, que entre intereses e amortizacións, alcanzou os 1,2 millóns de euros, sumarase ao superávit orzamentario de case 1,9 millóns de euros e ás baixas nalgunhas adxudicacións para xerar unha dispoñibilidade a maiores de 3.162.270,86 euros, dos que preto de 2,5 millóns se destinarán a investimentos. Este crédito adicional será levado a Pleno nos vindeiros días.

Entre estes investimentos, o alcalde destacou un novo contrato para a pavimentación das vías públicas, por un importe de 800.000 euros. A intención do Goberno municipal é que este contrato poida comezar a executarse durante o verán.

Ademais de para este contrato, o Concello destinará parte do crédito aos trámites para a edición 2016 de Womex (110.000 euros), á un programa de promoción comercial (100.000 euros) e a Fairway, unha feira que aglutinará en outono en Compostela as diversas actividades económicas relacionadas co Camiño (80.000 euros).

Compartir: