SERVIZOS SOCIAIS

O proxecto fotográfico "Causas comúns" chega a Santiago de Compostela

31/03/2015 Esta mañá, tras a Asemblea na que se presentou o plan de actividades do Fondo Galego para 2015, a sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acolleu a presentación do proxecto fotográfico Causas comúns, a prol dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa, que tras unha primeira fase en Guinea Bissau, chega a Galicia. O secretario executivo da Plataforma de ONGD da rexión de Bafatá, Boubakar Djalo, o fotógrafo ferrolán Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana expuxeron en Compostela os resultados da iniciativa, cofinanciada polo Fondo Galego de Cooperación, entidade da que é socio o Concello de Santiago.

Causas comúns botou a andar a comezos de ano en Guinea Bissau coa exposición Europa, realidade dun soño, que segue a xirar por diferentes aldeas e que permite visualizar unha Europa descoñecida, con dificultades económicas e sociais, a fin de amosar os obstáculos que poden atoparse á hora de emigrar, xa que desde as costas guineanas saen moitos dos caiucos que chegan a Canarias. Alén das correspondentes charlas, Gabriel Tizón e Rocío Botana desenvolveron durante tres semanas actividades como formacións para fotógrafos locais comprometidos ou obradoiros con asociacións para a elaboración de proxectos.

O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao guineano, sobre o incumprimento dos dereitos humanos en África e en Europa, pois non só hai dificultades para acceder á vivenda, o traballo, a comida ou a xustiza nos países empobrecidos. O proxecto subliña tamén a traxedia política e humanitaria que se vive nas fronteiras europeas.

A segunda fase da iniciativa arrancaba en Galicia coa inauguración da mostra , que ata finais de mes se pode contemplar no Concello de Pontevedra e que despois percorrerá distintos centros sociais e de ensino, para logo visitar outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: