ALCALDÍA

Hernández destaca o inicio dun "camiño sen volta atrás" para que Santiago conte cunha estación intermodal "proporcionada e axeitada" para a chegada da alta velocidade

30/03/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presentou a primeira fase da adaptación da estación de ferrocarril aos novo servizos da alta velocidade. No día no que se realiza a primeira viaxe en probas da liña de alta velocidade do Eixo Atlántico, Hernández salientou que, grazas a esta primeira fase da adaptación – cun investimento previsto entre 15 e 20 millóns de euros- se inicia "un camiño sen volta atrás" que permitirá a Santiago de Compostela contar cunha infraestrutura "proporcionada e axeitada" para a chegada da alta velocidade.

O alcalde estivo acompañado nesta presentación en Raxoi polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen reafirmou o compromiso de colaboración do Goberno autonómico, mediante a construción e integración na terminal ferroviaria da estación de autobuses, facendo deste espazo un verdadeiro centro de intermodalidade. Así, destacou, Goberno central e Xunta comprometen coa cidade de Santiago unha estación dobre que conectará co aeroporto, "de tal xeito que todas as capacidades de transporte de persoas quedarán unidas de forma definitiva con esta infraestrutura".

Tamén participaron na presentación o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Manuel Niño; e o director de Planificación e Proxectos de Adif, Eduardo Molina, quen foi o encargado de explicar os detalles desta primeira fase de adaptación da estación. Na reunión previa tamén participou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Nesta fase figuran actuacións para adaptar as vías e plataformas ao esixido pola alta velocidade. Mellorarase globalmente a accesibilidade dos viaxeiros e introducirase a posibilidade de estacionamento en dobre composición das plataformas 1 e 2. Na primeira plataforma aumentarase a altura e prolongarase a marquesiña. Na número 2 incrementarase a anchura e incluiranse novas marquesiñas para novos estacionamentos.

Tamén se vai acometer unha reordenación do vestíbulo e a ampliación anexa para cafetería e aseos. Reubicarase o paso inferior para evitar interferencia no fluxo de viaxeiros. Os locais comerciais quedarán integrados no vestíbulo. Outra das intervencións será a instalación de check-in e de control de seguridade na plataforma 1.

Construirase un novo paso inferior máis amplo, dotado de ascensores e escaleiras mecánicas. Mellorarse a accesibilidade nas plataformas 1 e 2 e xeraranse espazos na plataforma 1 para o devandito control de accesos.

Este proxecto tamén incluirá a intervención no estacionamento exterior, coa colocación de novo pavimento, a ampliación da rede de drenaxe, a optimización da distribución, unha nova marquesiña de autobuses de maior tamaño e outra na zona de espera de taxis.

Finalmente, esta primeira fase completarase cunha sensible mellora da accesibilidade, grazas á instalación dun novo ascensor que permitirá o acceso rápido ao edificio de viaxeiros dende o Hórreo.

Compartir: