EDUCACIÓN

Comeza no CEIP As Fontiñas o Programa Municipal de Conciliación da Semana Santa

30/03/2015 Este luns comezaron as actividades do Programa de Conciliación Laboral e Familiar para a Semana Santa 2015 no CEIP As Fontiñas, organizado polo Departamento de Educación. A súa titular, Maite Cancelo, visitou o centro nesta primeira xornada.

Este programa ten como obxectivo xeral facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e de tempo libre, desenvolvendo valores e cooperación, respecto e tolerancia. Dentro das actividades previstas, este martes realizarase unha visita guiada á Fundación Granell para ver as exposicións actuais e a participar nun obradoiro.

A este programa asisten 52 participantes, aínda que a matrícula continuará aberta mentres existan prazas vacantes. As familias interesadas poden inscribirse no programa, sempre e cando sexan nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria, entre o 2º ciclo de Educación Infantil e o 3º ciclo de Educación Primaria de Santiago. Teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.

A inscrición realizarase a través do Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16), cubrindo o formulario dispoñible nesta web, no Departamento de Educación, nos propios rexistros ou na secretaría habilitada no CEIP As Fontiñas. A admisión será por rigorosa orde de inscrición.

O horario é de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores (aula matinal) funciona de 7:45 a 9:00 horas e pode ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realízanse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de que os rapaces fagan uso do servizo de comedor.

Prezos
O prezo depende das modalidades ofrecidas, variando entre os 37,50 euros da modalidade de só actividades (dende as 9:00 ás 14:00 h), ata os 67,50 euros da opción máis completa para os catro días, que inclúe actividades, servizo de madrugadores con almorzo e servizo de comedor (dende as 7:45 ás 16:00 h).

Para familias numerosas, os prezos van dos 30 aos 54 euros. Para as familias con escasos recursos establécense unhas reducións do 50 e do 100% do custo, segundo o informe expedido polo Departamento Servizos Sociais. No caso de elixir a modalidade de días soltos, o prezo depende do número de opcións escollidas.

Máis información no teléfono 981 554 400 ou na dirección dptoeducacion@santiagodecompostela.gal, e tamén no teléfono de coordinación e secretaría: 666 582 190

Compartir: