CULTURA

Os madrileños Trajano! presentan o seu novo traballo, "Antropología", no Compostela Rock

27/02/2015 Os madrileños Trajano! estarán este sábado en Santiago presentando o seu último traballo, Antropología. Será ás 20:30 horas na Zona C e dentro do ciclo Compostela Rock.

Antropología confirma as expectativas pasadas e sitúa hoxe a Trajano! como unha das formacións de art-rock máis persoais do noso país e expón un futuro esplendoroso a pouco que a banda manteña esta liña de traballo. Estarán acompañados do rock noise da banda de Valga Cazador. As entradas para o concerto poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ademais de na Reixa Tenda e o propio día do concerto na Zona C dende as 19:00 horas. Teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 o día do evento.

Trajano! non deixaron de mirar á fronte desde o día da súa formación, o que en boa medida explica por que o debut dunha banda con só tres anos de vida e un puñado de cancións –concretamente cinco contiña a súa demo publicada en 2012, ningunha das cales sobreviviu en Antropología–esperta tanto interese entre a crítica e un fiel grupúsculo de fans.

Tras ser sinalados por MondoSonoro e Proyecto Demo como unha das novas bandas máis interesantes do momento, aparecer nos recompilatorios Galician Bizarre II ou Madrid está helado e curtirse en directo pondo en apertos a Triángulo de Amor Bizarro, Hola A Todo El Mundo ou Vivian Girls, Trajano!, decidiron lanzar un órdago ao grande embarcándose o pasado mes de outubro nunha viaxe aos estudos Rubber Tracks de Nova York a rexistrar o seu primeiro álbum.

O resultado desa experiencia son estas oito cancións recoñecibles como material cento por cento Trajano! –a voz propia sempre é o máis complicado de conseguir para un grupo novel e é aquilo que diferencia ás bandas cun futuro esplendoroso do resto– e que ao mesmo tempo abren novos horizontes para o grupo. Porque se "Jaguar" ou "La nube se extiende (Willow)" profundan a aceirada senda after-punk marca da casa, o álbum evoluciona con "Sánscrito", "El último hombre del mundo" ou "155" cara a territorios próximos ao pop británico máis substancioso da actualidade, o de formacións como Foals ou The Horrors (os de Faris Badwan asinarían ese emotivo final con "Elegía") e até mostran unha faceta inédita con ese experimento instrumental de aires "carpenterianos" bautizado como "Interludio".

Compartir: