NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Final da fase comarcal do IV Club de Debate, no que participan 8 equipos e 68 estudantes

27/02/2015 O Concello de Santiago participa un ano máis no Club de Debate, que nesta edición ten como sede da fase comarcal a Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames). Esta final comarcal desenvólvese ao longo da xornada deste venres, coa participación 68 estudantes (de 4º de ESO e 1º de Bacharelato) e 6 profesores de institutos Santiago, Ames, Rois e Padrón. Os dous equipos gañadores desta xornada pasarán á final galega que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo o domingo 26 de abril.

O Club de Debate é unha iniciativa na que participan nove concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario e está coordinado polos servizos de normalización lingüística municipais. Organízase como unha competición deportiva, con debates entre dous equipos, e o obxectivo é promover o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo á vez que se impulsan os usos orais en lingua galega en contextos formais e informais.

A competición organízase en tres fases comarcais e unha final galega. A Bertamiráns asisten oito equipos e a temática sobre a que debaten é: A industria cultural galega ten pouca conexión coa sociedade. A representación compostelá son 5 alumnos do IES Antonio Fraguas.

Presentación e debates
Á presentación da fase final comarcal, celebrada a primeira hora da mañá, asistiu unha representación do goberno municipal dos concellos participantes. A continuación comezaron os debates, abertos ao público.

As competicións poden seguirse a través de Twitter e de Facebook. Sobre as 19:45 horas está prevista a entrega de premios, que consistirá nunha achega de material cultural valorado en 300 e 500 euros.

Composición do xurado
O presidente do xurado é Manuel Bermúdez Blanco (técnico de normalización lingüística da USC), mentres que no posto de vogais están Lorena Rey Noya (poeta e profesora de lingua e literatura galega no IES Xelmírez I); Rosabel Candal Bouzas (xornalista); Alba Nogueira (profesora de dereito da USC); e Federico Pérez Rei (actor e guionista).

Compartir: