XUNTA DE GOBERNO

O Concello cede unha parcela de máis de dúas hectáreas para o Bosque de Galicia

27/02/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno dun protocolo de colaboración a subscribir coa Fundación Cidade da Cultura para a execución do Bosque de Galicia, "que vai converter as ladeiras do monte Gaiás nun dos pulmóns verdes de maior extensión do concello e nun espazo de recreo e de lecer para a cidadanía compostelá".

"Mediante o protocolo, o Concello pon a disposición da Fundación unha parcela situada na ladeira noroeste do Gaiás, nas proximidades do Multiúsos de Fontes do Sar, cunha extensión de 2,2 hectáreas, para labores de limpeza, roza e plantación de especies autóctonas", indicou. Tamén se propón a colaboración para divulgar e difundir o proxecto a través de calquera plataforma promocional a nivel local, nacional ou internacional.

O proxecto do Bosque de Galicia, no que colaboran a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos –SEAGA- e as consellerías de Medio Rural, de Cultura e de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, é unha actuación que se desenvolve nunha superficie de 23,45 hectáreas, nas ladeiras do Gaiás que dan á cidade de Santiago e a Viso (oeste e leste).

Neses terreos estanse plantando distintas variedades de árbores autóctonas (bidueiro, carballo, castiñeiro, cerdeira, freixo, pradairo, espiño, serbal, loureiro, acivro, abeleira, érbedo, teixo e faia). No vieiro de acceso ao complexo prevense árbores froiteiras.

A proposta inclúe rede para a rega, o tratamento vexetal das ladeiras e a creación de sendas peonís.

Acción artística e comercial en Conxo
Xa mesturando os ámbitos cultural e comercial, a Xunta de Goberno aprobou un proxecto de acción artística en relación aos baixos no barrio de Conxo. Desenvolverase a través dunha colaboración entre o Concello e a Asociación de Comerciantes "Esperta Conxo" na procura de iniciativas innovadoras e solucións imaxinativas que fagan máis atractivo e habitable este ámbito.

Segundo explicou o alcalde, "proponse levar a cabo neste ano 2015 varias accións artísticas para mellorar a estética do barrio, actuando nos baixos sen acondicionar da avenida de Vilagarcía e das rúas García Prieto, Sánchez Freire e outras adxacentes, sempre que conten co consentimento expreso dos propietarios. A finalidade é evitar a imaxe de abandono dos locais sen uso comercial e que as propias actuacións artísticas se convertan nun reclamo para acudir ao barrio".

Para isto, contarase coa colaboración de varios artistas do grafitti galegos, que representarán, con técnica libre e sobre os lenzos de ladrillo dos baixos, as imaxes de comercios que non se atopen no barrio, como unha xoiería ou unha tenda de peixe. Estes deseños servirán, alén da súa intrínseca calidade estética, para poñer de relevo as posibilidades do barrio para a instalación de actividades comerciais e emprendedoras.

"A colaboración non implica gastos, xa que os artistas teñen mostrado a súa disposición a participar de forma desinteresada, aínda que o Concello vai facer unha previsión orzamentaria de 200 euros destinada a gastos de material", apuntou Agustín Hernández.

Compartir: