XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno non admite un recurso contra o derrubo da Casa da Xuventude

31/01/2015 A Xunta de Goberno acordou non admitir o recurso presentado o 31 de decembro pola Plataforma Cidadá "Defender o Público - Salvemos a Casa da Xuventude", fundamentándose nos informes da Asesoría Xurídica e dos departamentos de Contratación e Servizos Comunitarios e de Desenvolvemento Urbano Sostible, motivado na carencia de lexitimación activa para a interposición do recurso e na improcedencia dun recurso administrativo contra unha disposición de carácter xeral, como é o acordo plenario adoptado por unanimidade o 28 de xuño de 2012.

Cómpre ter en conta que contra aquel acordo plenario, acadado por unanimidade hai máis de dous anos e medio, cabía a posibilidade de recurso administrativo ordinario, que non foi exercida no prazo legalmente establecido.

Tampouco se entende que proceda a revisión de oficio daquel acordo, tendo en conta tanto a literalidade da Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común (Lei 30/1992) como a xurisprudencia ao respecto.

A Xunta de Goberno entende, en todo caso, que os acordos adoptados por este órgano o 3 e 4 decembro de 2014, así como o expediente de contratación en tramitación, axústanse en todos os seus termos ao establecido no Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

Compartir: