XUNTA DE GOBERNO

Continúan as obras no barrio de Vista Alegre coa cesión a outra construtora

31/01/2015 A Xunta de Goberno acordou autorizar a cesión do contrato de execución das obras de Mellora de mobilidade e accesibilidade no barrio de Vista Alegre, fase 1", formalizado coa empresa Ponciano Nieto, a favor da entidade Eulogio Viñal.

Esta solución administrativa permitirá continuar cos traballos ante o manifesto incumprimento dos prazos por parte da adxudicataria, que tan solo leva executado o 20% da obra, e logo de que o Concello lle trasladara a necesidade de axilizar a actuación ou, do contrario, se procedería á rescisión do contrato e á aplicación das indemnizacións que correspondan.

A cesión desta obra evita ter que recorrer a iniciar un novo procedemento de contratación, que se podería prolongar durante varios meses, permitindo que o retraso no remate desta mellora sexa o menor posible.

O contrato, por un importe de 1.240.384 euros, fora adxudicado no pasado mes de abril, iniciándose o prazo de 7,5 meses para a execución contemplado no contrato o 16 de xuño de 2014.

A cesión aprobada pola Xunta de Goberno xorde como consecuencia do escrito da empresa, con entrada o 14 de xaneiro deste ano, no que solicitaba a autorización para a cesión, manifestando a imposibilidade de facerse cargo do contrato.

Logo de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, autorízase a cesión e se fixa unha ampliación do prazo para a execución desta obra en 4 meses. O novo prazo iníciase a partir do 1 de febreiro de 2015, co que as obras deberán estar rematadas no vindeiro mes de maio.

Compartir: