CULTURA

Teatro, jazz, maxia e clown na programación cultural da fin de semana

30/01/2015 A programación cultural para esta fin de semana presenta catro eventos distintos que nos ofrecen jazz, teatro, maxia e clown. Na xornada do sábado teremos concerto de Roberto Somoza Trío, que presenta dous discos dentro do Sons’15 Jazz, no Principal ás 20:30 horas. Ademais, Elefante Elegante presenta á mesma hora, pero no Salón Teatro, Kassa, dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Xa o domingo comezamos ás 18:00 h coa maxia e o clown de Un Ramón de Mandarinas no Teatro Principal, dentro do ciclo Infantil & Familiar. Á mesma hora haberá unha nova función de Kassa no salón Teatro, e pecharase a xornada con Juan Echanove e María Galiana, que presentan ás 20:00 horas, no Auditorio Abanca, Conversaciones con mamá, dentro do programa Teatro 2015.

Roberto Somoza realizará no Teatro Principal unha dobre presentación. O saxofonista galego interpretará co seu trío boa parte dos temas dos seus dous últimos traballos discográficos: Cal y Arena (2014) e The Modal Jazz Concepts (2014). Acompañado polo finés Risto Vuolanne no contrabaixo e o galego Naíma Acuña na batería, Roberto Somoza contaranos a conexión existente entre estes dous proxectos musicais que xiran en torno ás dúas correntes máis importantes deste xénero: o jazz tradicional (tonal) e o jazz modal.

As entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h) ou en entradas.abanca.com e no 902 434 443.

Elefante Elegante con Kassa
Kassa é un espectáculo de teatro visual que se desenvolve ao redor dos principios da escultura. A estrutura escenográfica, os actores, os bailaríns e as videoproxeccións constitúen un organismo vivo en constante movemento e transformación. Técnicas como o video-mapping, a capacidade de xiro da estrutura escenográfica e o uso do live cinema dotan ao espectáculo dun dinamismo moi estimulante. Kassa reflicte a temática da vivenda: no inicio da acción a sociedade é sedutora, próspera e optimista, pero un día esgótanse os recursos económicos colectivos e a familia deixa de poder pagar as prestacións do seu soño.

O prezo das entradas é de 10 euros (domingo é o día do espectador do Salón Teatro e ten un prezo do espectador de 5 euros). Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal ou no do Salón Teatro, que abre os días de evento dende dúas horas antes do comezo da función. Ademais, esta obra está dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués.

Un Ramón de mandarinas
Un Ramón de Madarinas é un espectáculo de maxia cómica e clown cunha gran cantidade de premios ás súas costas (Premio do Público de Festiclown, Mostra de Pallasos de Xirivella, Farándula de Gran Canaria, FAST de Torredembarra etc). Unha mirada ao ridículos que podemos ser ao namorarnos. Mandarina ponse na pel das dúas personaxes e achéganos unha comedia universal na que a tenrura, o humor e o absurdo combínanse para emocionarnos, facernos rir e lembrarnos que non hai nada más marabilloso e ridículo que estar namorados.

As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal no seu horario habitual. O domingo, día do evento, estará aberto dende as 16:30 horas. Os prezos son de 5 euros cada entrada pero pode mercarse unha entrada familiar que permite o paso de catro persoas polo prezo de tres: 15 euros.

Juan Echanove e María Galiana en Conversaciones con mamá
Mamá ten oitenta e dous anos e o seu fillo Jaime, cincuenta. Ambos os dous viven en mundos moi diferentes. Jaime ten muller, dous fillos, unha fermosa casa, dous coches e unha sogra que atender. Mamá arránxallas soa e soporta a súa vellez con dignidade. Pero un día acontece o inesperado; a empresa para a que traballa Jaime déixao na rúa por razóns de reaxuste de persoal. A lamentable situación lévao a decisións drásticas porque non pode manter o seu tren de vida. Juan e a súa nai conversan durante hora e media dun espiñento tema que nos provoca risas e emoción.

Juan Echanove fálanos da necesidade que sentiu, en canto leu o texto de Santiago Carlos Oves, de levar a escena, protagonizar e dirixir Conversaciones con mamá. E de compartir este traballo con María Galiana. "Creo firmemente na tenrura e o sentido do humor como factores decisivos para conseguir ese ansiado reverdecer tan necesario nesta nosa sociedade que cada vez debe máis á xente maior... " (Juan Echanove).

As entradas poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado máis días de evento de 18:00 a 21:00 h); ou en entradas.abanca.com e no 902 434 443. Tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Auditorio Abanca o día do espectáculo dende as 18:00 h. Os prezos son de 25 € no patio de butacas, 22 € no anfiteatro 1 e 20 € no anfiteatro 2.

Compartir: