PLENO

O plan especial de protección do parque arqueolóxico da Rocha permitirá a posta en valor deste xacemento

30/01/2015 A Corporación municipal aprobou definitivamente e por unanimidade o plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R). Este documento, formulado polo Consorcio de Santiago, ten como obxectivo a recuperación e posta en valor dos restos do castelo e dos elementos asociados, coa creación dun parque arqueolóxico no que se permita a observación, análise e estudo dos devanditos bens culturais.

Contémplase un programa a seguir que inclúe a organización de accesos, as áreas de recepción e a organización e integración de áreas estanciais. Así, na área cualificada como dotacional permitirase a edificación nunha ocupación igual ao 10% da superficie e unha altura máxima de baixo e unha planta, respectando o sistema de muros perimetrais existente.

Este plan especial propón a ampliación do ámbito delimitado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), incorporando os terreos situados na marxe norte do regato do Vilar, no tramo comprendido entre a vía férrea e a desembocadura do río Sar, co obxectivo de salvar o noiro existente e crear unha senda paralela ao regato, sen afectar aos restos da canle do muíño, ás terrazas e ao arborado existente.

Tamén se incorporan os terreos situados na marxe leste do río Sar, co fin de recuperar o trazado do antigo camiño de Escorredía, que se estima máis idóneo que o fixado polo PXOM para garantir a accesibilidade peonil ao parque e a súa conexión co Camiño Portugués e co castriño de Conxo.

Áreas de ordenación
O documento detalla varias áreas de ordenación, como a área de protección arqueolóxica do Castelo, que comprende as ruínas do mesmo e a o seu entorno inmediato. Aquí só se autorizarán actuacións de recuperación, restauración, consolidación e mantemento do xacemento arqueolóxico, así como, de ser o caso, traballos de musealización dos restos e de mellora da accesibilidade e seguridade dos visitantes.

Outra área será a de posta en valor do contorno da zona arqueolóxica, na que só se permitirán intervencións tendentes á posta en valor, protección e adecuación para a visita pública do xacemento, incluíndo as construcións necesarias para o peche do ámbito e a creación dun punto de observación elevado.

Na zona de agras e cultivos do contorno quedará prohibida calquera alteración das condicións naturais do terreo e da topografía, mentres que na zona de equipamentos, situada na esquina suroeste do ámbito, fronte á rúa do Churruchao, e destinada a estacionamento e edificacións dotacionais vinculadas ao parque, as edificacións non poderán ocupar máis do 10% da superficie, nin superar a altura máxima de baixo e unha planta.

Tamén se acoutan os terreos da ribeira do Sar e do regato do Vilar, nos que só se autorizarán actuacións de recuperación da calidade das augas e da vexetación do contorno. Finalmente, márcase unha área de rexeneración do antigo camiño de acceso ás parcelas de Escorredía e do contorno do regato do Vilar, que constitúe o itinerario peonil de acceso dende o norte. Nesta zona proponse a recuperación do trazado dos antigos camiños existentes.

O documento foi aprobado de xeito definitivo coas modificacións incorporadas a raíz dos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. O texto será publicado no Boletín Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia.

Ocupación de bens en Vista Alegre
Tamén en materia urbanística, deuse o visto bo definitivo á declaración de ocupación de bens para a execución do proxecto de mellora da accesibilidade e mobilidade no barrio de Vista Alegre. Xunto coa remodelación e reordenación dos espazos urbanos e dos vieiros que conforman o barrio, o proxecto incorpora melloras na iluminación, que estará suspendida cunha maia de tensores de aceiro suxeita as fachadas. A solución adoptada supón unha importante mellora da calidade na iluminación, prescindindo dos farois a pé de rúa, eliminando así obstáculos.

Para suxeitar os tensores é necesario realizar esta ocupación de fachadas, aclarando os bens sobre os que se establece a servidume. En todo caso, trátase dunha ocupación moi pequena para dar servizo de calidade, como é a iluminación, a este barrio compostelán.

Incremento de densidade en solos urbanizables
Ademais, o Pleno aprobou provisionalmente a modificación puntual do PXOM relativa ao incremento de densidade dos solos urbanizables non delimitados de uso residencial. Este cambio pretende adaptar a normativa urbanística ás actuais tendencias lexislativas nesta materia, tendendes a ampliar ou mesmo eliminar as limitacións de densidade, co obxecto de favorecer a compacidade do territorio e a sostibilidade do crecemento urbanístico.

A modificación fixa para as áreas de tipo A e B (cidade xardín e cidade xardín mixta) unha densidade de 25 vivendas por hectárea. Para as áreas tipo C (residencial e terciario), a densidade queda en 16 vivendas por hectárea. No caso das áreas tipo F (uso deportivo extensivo e usos complementarios de tipo residencial, hoteleiro e comercial), limitarase a superficie edificable residencial a un 60% e autorizarase tipoloxías distintas á unifamiliar illada para a construción de vivenda protexida.

Compartir: