EDUCACIÓN

As escolas infantís municipais celebraron o Día Escolar da Non Violencia e da Paz

30/01/2015 A Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños acolleu a xornada de celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, no que participaron 150 nenos e nenas, acompañados dos seus profesores e profesoras, así como as familias que o desexaron. A actividade contou coa presenza da Concelleira de Educación, Maite Cancelo.

O Departamento de Educación vén desenvolvendo dende hai anos diferentes actividades en torno ao Día Escolar da Non Violencia e da Paz. En cada edición teñen participado diferentes ONG, asociacións e institucións da cidade co obxectivo de dar á coñecer á cidadanía e especialmente aos centros escolares o seu traballo, organizando actividades de educación para a paz, a convivencia e a solidariedade.

Nesta edición optouse por unha celebración conxunta nas escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, que inclúen no seu proxecto educativo os principios da paz, da cooperación e da solidariedade, favorecendo un clima de harmonía, de convivencia e de respecto entre iguais. Ao longo destes meses e especialmente na semana do 26 ao 30 de xaneiro, o traballo educativo e pedagóxico destas escolas infantís centrouse na organización e elaboración de materiais, actividades e propostas para traballar cos nenos e nenas de 0-3 anos este tema transversal.

Para completar este traballo, a Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños acolleu unha xornada conxunta na que participaron os nenos e nenas dos tres centros, acompañados dos seus profesores e profesoras, así como as familias que o desexaran.

Realizaron diferentes actividades e xogos cooperativos: música, contacontos, solta de globos, xogos e elaboración de murais sobre a paz. A xornada pechouse coa interpretación do Himno da Alegria e unha solta das pombas, en colaboración co Club Colombófilo Alas Compostelanas.

Compartir: