CENTROS SOCIOCULTURAIS

Dezaseis viaxes e 1.200 prazas nunha nova edición do programa "Imos de excursión"

30/01/2015 O programa Imos de excursión alcanza unha nova edición, desta vez cun total de 16 viaxes: oito dun día e outras oito de varios días, cun total de 1.200 prazas ofertadas. A concelleira de Centros Socioculturais, María Antón, presentou o calendario de excursións, que comezará o domingo 8 de marzo cunha viaxe a Asturias.

Imos de excursión promove o encontro e o intercambio de experiencias e quere tamén amosar o patrimonio histórico, natural e cultural de Galicia, parte de España (Asturias, Cantabria, Estremadura, Castela e León e Madrid) e Portugal (Alentejo, Algarve, Porto, Aveiro e Coimbra). O programa desenvólvese en sábados, domingos e pontes festivas. O grupo mínimo para que se realicen as excursións é de 40 inscritos.

Estas viaxes están destinadas ao público en xeral, agás a viaxe termal ao Balneario de Lobios e a de Nadal en Portugal, que requiren participantes maiores de 18 anos. O prezo que paga o inscrito inclúe, no caso das viaxes de varios días, os gastos derivados de seguro, transporte, pensión completa e servizo de guía e, no caso das excursións dunha xornada, transporte, seguro, servizo de guía e xantar.

O prezo das excursións dun día, segundo as datas das mesmas, non superará xeralmente os 30 euros. Estas viaxes contan co apoio económico municipal, de xeito que o prezo se reduce, facéndose cargo o Concello do prezo dos autobuses nas excursións dun día.

Inscrición nos centros socioculturais
As inscricións nas diferentes excursións realizarase a través dos centros socioculturais, no prazo marcado para cada unha das expedicións. No caso da primeira, que terá como destino a raia de Asturias (Taramundi) e que se realizará o domingo 8 de marzo, o prazo de inscrición comeza o 17 de febreiro a partir das 17:00 horas.

As excursións dun día teñen como máximo 40 prazas (as dun autocar), mentres que nas viaxes de varios días poderán participar ata 110 persoas (dous autobuses). A oferta global en prazas é 1.200: 320 prazas para as excursións diarias e 880 para as viaxes de varias xornadas.

Entre as novidades desta edición destacan dúas viaxes que poden ter interese para grupos familiares: ao parque zoolóxico de Marcelle, en Lugo, e ao parque temático "Val dos 6 Sentidos", en Valladolid. Ademais, incorpóranse como destinos a Illa de Cortegada e o Alentejo e o Algarve (Portugal). Nas viaxes que repiten convocatoria buscaranse novos lugares de visita non percorridos en anteriores edicións.

Máis información, folletos e inscricións nos propios centros socioculturais.

Compartir: