CULTURA

O Concello e Agadic presentan o Bono de Teatro Galego (e portugués) para o 2015

29/12/2014 Repiten iniciativa tras o éxito obtido neste ano 2014, con máis de 9000 entradas vendidas, onde por vez primeira se puxo á venda este bono conxunto con toda a oferta teatral galega dos dous principais espazos escénicos da cidade: o Teatro Principal e o Salón Teatro, aos que se engade a oferta escénica máis alternativa da Zona C. O bono, que se pode mercar no Principal e no Salón Teatro, permitirá asistir a 5 funcións a escoller por un prezo de 35€ (excepcionalmente algunha representación pode requirir un suplemento).

A concelleira de Cultura, María Antón, e o director de Agadic, Jacobo Sutil, presentaron esta mañá unha nova edición do Bono de Teatro Galego (e Portugués) acompañados do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou. O Bono foi posto en marcha por Agadic e o Concello por vez primeira este ano 2014 e, dado o éxito acadado, repítese experiencia para o 2015. A iniciativa consiste en aglutinar nun só programa toda a oferta teatral galega e portuguesa que se poderá ver nos dous principais espazos escénicos da cidade, Teatro Principal e Salón Teatro, ao que se engade a oferta escénica máis alternativa da Zona C e ofrecer unha bonificación a aqueles que asistan a varios espectáculos. Así, co bono que ten un prezo de 35 euros, pódese accederse a cinco das funcións a elixir do programa a un prezo máis atractivo que se se adquiren entradas soltas (excepcionalmente algunha das representacións pode requirir algún pequeno suplemento).

Os bonos están á venda no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h, de martes a sábado e días de evento) e os días de espectáculo no do Salón Teatro (2 horas antes da función). Esta mañá presentouse a programación do primeiro semestre e en setembro presentarase a da segunda parte do ano. Neste primeiro semestre serán un total de 30 representacións ás que se poderán escoller para gastar co bono, nunha oferta de máis de 80 funcións diferentes.

O primeiro ano desta iniciativa, que da cabida ao mellor teatro galego e portugués, tivo unha satisfatoria acollida con máis de 9.000 entradas vendidas dentro do programa.

Programación no Teatro Principal
A programación do Teatro Principal comprende 9 espectáculos que comezarán con ‘Selección Natural’ de Lola Correa e posto en escena por Teatro do Noroeste e Tranvía Teatro os días 7 e 8 de xaneiro. Tamén en xaneiro, os días 20 e 21 a CIA Companhia Internacional de Teatro de Repertorio Arte Livre presenta ‘Anne Sullivan e Helen Keller (A luita pola inclusión social)’ adaptada e dirixida por Roberto Cordovani.

En febreiro, do 4 ao 7 chegará a nova obra de Mofa e Befa que nesta ocasión viaxan ao Século de Ouro para presentarnos ‘Bobas & Galegas’, dirixida por Quico Cadaval e do 18 ao 22 poderemos asistir á estrea absoluta da nova obra de Eme2 Producións: ‘O crédito’ dirixida por Fernando Bernúes e con Antonio Durán "Morris" e Pedro Alonso. Pechamos o mes de febreiro no Principal con Teatro do Atlántico e o seu ‘O principio de Arquímedes’ os días 27 e 28.

O 16 de abril Matrioshka Teatro presenta ‘C’est la vie’ dirixida por Marta Pazos e o 6 de maio poderemos ver ’30 e tantos ósos’, dramaturxia de Diana Mera a partir de textos e materiais de creación colectiva que pon sobre as táboas Aporía Escénica. Tamén en maio, os días 22 e 23 Cámara Negra Teatro ofrécenos a estrea absoluta de ‘No hay trabajo para un payaso viejo’ de Matei Visniec dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e pechamos a programación do Principal con ‘Saxo Tenor’ de Roberto Vidal Bolaño que o Teatro Nacional Dona Maria II representa o 29 e 30 de maio.

Programación no Salón Teatro
Neste semestre o Salón Teatro ofrecerá 12 propostas de teatro galego e portugués. No mes de xaneiro poderase ver ‘Diálogo do can co seu amo sobre a necesidade de morderlle aos amigos’ de Teatro do Morcego do 16 ao 18. Tralo paso de Celso Parada e Mundo Villalustre polo escenario, días despois, o 22, chegará ‘O amor dos infelizes’ co Teatro Bruto para pechar o programa deste mes de xaneiro os días 30 e 31 e tamén o 1 de febreiro con ‘Kassa’ de Elefante Elegante. En febreiro poderemos ver ‘Um Picasso’ coa Companhia de Teatro de Braga CTB o día 11.

O Centro Dramático Galego presenta ‘Xardín Suspenso’ de Abel Neves e dirixida por Cándido Pazó en oito funcións dos días do 14 ao 29 de marzo. E xa en abril, o día 9 chegará a Companhia de Teatro da Almada con ‘O Mandarim’ de Eça de Queiroz; do 15 ao 19 poderemos ver ‘Pangeia’ con Limiar Teatro & Acaso Danza para rematar do 23 ao 26 con ‘Ganas de ouvear’ co Teatre Nacional de Catalunya, o Centro Dramático Galego e Catrocadeiras.

En maio, os días 8 e 9 teremos a proposta ‘NÓS’, unha creación colectiva inspirada en ‘A máquina de fazer espanhóis’ de Valter Hugo Mãe, e do 14 ao 17 poderemos ver ‘Demolición’ con Artur Trillo e Toño Casais dirixidos por Cándido Pazó. No mes de xuño estará o ‘Amor flexible’ de Redrum Producciones os días 5 e 6 e pechamos a programación do semestre cunha creación do Proxecto Nós que poderemos ver do 16 ao 21 de xuño.

Programación na Zona C
A Zona C acolle a programación teatral máis alternativa e experimental e nesta primeira parte do 2015 teremos nove propostas diferentes para elixir. Do 4 ao 8 de febreiro Producións Dispersas presenta ‘Falándolle a un espello’ de Diego Freire e os días 12 e 13 poderemos ver unha performance sonoro-visual de nenoescuro: ‘Fragmentos do desterro’. Tamén en febreiro, do 19 ao 22, ButacaZero presenta ‘Supermarket’ de Esther F. Carrodeguas e pechamos o mes do 25 ao 27 coa estrea absoluta de ‘1 Who is inside the camera?’ de Roi F.F. En marzo, do 4 ao 8, Manuel Cortés dirixe ‘Psicópata’ con Antón Coucheiro e Túlio Flavio.

Maio comeza con tres propostas da compañía viguesa A Artística: a ‘Arquitectura da emoción’ o día 10, ‘Illas Atlánticas’ o 11 e ‘Verde a tempo completo’ o 12. E pechamos a programación de teatro galego para este semestre na Zona C con O Retrete de Dorian Gray que nos presenta a estrea absoluta de ‘In Memoriam’ do 22 ao 26 de abril.

Compartir: