ALCALDÍA

O alcalde de Santiago exercerá como delegado rexio no acto de Traslación dos restos do Apóstolo

27/12/2014 A tradicional ofrenda celebrarase como cada 30 de decembro na Catedral.

A Catedral de Santiago acolle, como cada 30 de decembro, a cerimonia da Ofrenda de Traslación dos restos do Apóstolo. Nesta ocasión, S.M. Don Felipe de Borbón designou como delegado rexio ao alcalde da cidade, Agustín Hernández.

A cerimonia relixiosa na que o delegado pronunciará a súa ofrenda comezará en torno ás 11:30 horas. Antes, Agustín Hernández realizará o pase de revista ás tropas. A representación das Forzas Armadas estará encabezada polo xefe da Forza Loxística Operativa (FLO).

Logo da misa, as autoridades dirixiranse ao pazo de Raxoi, onde o delegado rexio presidirá unha recepción con motivo desta celebración e asinará no Libro de Honra.

Unha tradición de séculos
A cerimonia da Traslación celébrase anualmente o 30 de decembro en recordo do traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende o porto de Jaffa (Xerusalén) ata as costas galegas, onde foron desembarcados no peirao de Iria Flavia (Padrón). Segundo a tradición, a Raíña Lupa, soberana das terras, enviou tropas en persecución da comitiva apostólica, que foi salvada por un milagre que afogou aos perseguidores nas augas do río Tambre.

A Raíña Lupa quedou tan abraiada por este feito que ofreceu a súa axuda aos discípulos para que puideran soterrar os restos do Apóstolo, que son trasladados nun carro tirado por bois que ao azar buscan o lugar para o repouso do fillo de Zebedeo. Tras deterse (sempre segundo a lenda) na fonte da actual rúa do Franco, os bois continúan o seu camiño ata quedar inmóbiles no lugar que dende aquela se denomina Libredón (Liberum domum, regalo libre), onde é soterrado e pasa ao esquecemento o Apóstolo ata o seu posterior descubrimento no ano 813 por un eremita.

O rei Alfonso VI realizou no ano 1109 a primeira ofrenda da Traslación, entregando unha ducia de talentos de ouro e outra de marcos de prata. En 1642, baixo o reinado de Felipe IV esta cerimonia institucionalízase con carácter definitivo. Dende entón actúa como oferente o Rei ou un delegado rexio.

Compartir: