CULTURA

"A viaxe dos Chévere", co seu director Alfonso Zarauza e coa presenza dos recentemente nomeados Premio Nacional de Teatro, clausura a XXVIII edición de Cineuropa

29/11/2014 Este domingo, a última xornada da XXVIII edición de Cineuropa contará coa presenza, como broche final, de Alfonso Zarauza e o Premio Nacional de Teatro, a compañía Chévere. O motivo é unha nova sesión de A viaxe dos Chévere, filme no que Zarauza repasa a traxectoria da veterana compañía teatral e a súa loita pola cultura en tempos difíciles. Será ás 23:45 horas no Salón Teatro e a entrada de balde con convite.

Pero tamén haberá moito máis cine. Poderase asistir á última proxección da película de culto Wake in fright, de Ted Kotcheff (Teatro Principal ás 16:00 h); da social Samba, de Olivier Nakache e Eric Toledano (Teatro Principal ás 18:15 h); da libre Beloved Sisters, de Dominik Graf (ás 20:30 h no Principal); e do estimable neo noir Lawless, de John Hillcoat (ás 19:45 h no Salón Teatro). Ademáis, Mr. Turner, de Mike Leigh, despedirase do festival cunha dobre sesión: un primeiro pase no Salón Teatro ás 17:00 h e outro no Teatro Principal ás 23:30 h.

A programación do Salón Teatro completarase cunha película na que conflúen dúas seccións desta edición, a dedicada ao cinema do Novo Hollywood e a do Cincuentenario Cole Porter. Trátase de At Long last love (Un longo e definitivo amor), unha deliciosa e infravalorada comedia musical dirixida por Peter Bogdanovich, e con banda sonora do afamado compositor, que terá comezo ás 21:45 horas.

O CGAC dedicaralle novamente a súa programación aos últimos traballos de Francis Ford Coppola (Twixt, ás 17:00 h), Brian De Palma (Passion, ás 18:45 h), e Warren Beatty (Bulworth, ás 20:30 h).

Por último, no Centro Cultural exhibiranse de novo os documentais máis representativos da sección Cando Tiburón devorou o cine, isto é, Jaws: the inside story, de Georgia Manukas (ás 16:30 h), e Easy riders, raging bulls. A xeración que cambiou Hollywood, de Kenneth Bowser. Tamén aquí, en Afundación, haberá lugar para o derradeiro filme do xenial Alain Resnais, Aimer, boire et chanter, que comezará ás 18:15 horas.

Compartir: