XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a primeira fase do proxecto de rehabilitación da Casa das Máquinas

28/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno do proxecto básico e de execución da rehabilitación do edificio da Casa das Máquinas, na rúa Galeras. Trátase dunha primeira fase, que conta cun orzamento material de 241.985 euros e un prazo de execución de seis meses.

Segundo lembrou Agustín Hernández, "o inmoble atópase actualmente en situación de abandono e fóra de uso, presentando importantes deformacións ou afundimentos froito de problemas estruturais". Fronte a isto, "a actuación proposta ten por obxecto fundamental a rehabilitación da estrutura para evitar o deterioro e a recuperación da cuberta, dos muros e da carpintería exterior".

O proxecto inclúe tamén a demolición do engadido de formigón na parte alta, que se atopa en mal estado, non integrante da parte da estrutura orixinal e construído nos anos 40.

"A intención do Concello nesta primeira fase é a consolidación do edificio, para evitar o seu derrubamento e acondicionar a súa estrutura para acadar un espazo ben conservado e útil, cuxo uso futuro se fixará en función das necesidades municipais", indicou Agustín Hernández.

Neste sentido, apuntou que o destino final da instalación deberá ter moi presente a necesidade de rendibilizar o patrimonio municipal e a conveniencia da diminución das cargas que, para o erario público, supoñen os arrendamentos inmobiliarios para albergar determinados servizos".

Edificio de 1919
A popularmente coñecida como Casa das Máquinas foi proxectada en 1917 polo arquitecto compostelán Xesús López de Rego (1876-1972), autor de numerosas obras na cidade, entre elas o Palacete da Finca do Espiño.

A construción, rematada en 1919, serviu para albergar un centro de transformación eléctrica da empresa Fenosa e atópase entre o patrimonio catalogado pola planificación urbanística municipal, en atención ás súas características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental.

O edificio ten a cualificación urbanística de dotación con uso previsto sociocultural de titularidade pública.

Novo local para sala de cine e libraría
Seguindo con reformas, a Xunta de Goberno autorizou as obras de acondicionamento dun local para sala de cine e libraría na rúa Concepción Arenal, preto da Sala Capitol.

Este proxecto, segundo explicou o alcalde, está promovido pola entidade Numax Sociedade Cooperativa Galega e contempla un orzamento de 128.712 euros para actuar nunha superficie útil de 184 metros cadrados, dos que 158 corresponden á planta baixa e 26 ao semisoto. O local terá un aforo estimado de 72 persoas e contará cun espazo de librería para a exposición de ata 3.200 volumes.

A sala de cine estará orientada fundamentalmente á exhibición de cine de autor, cun concepto semellante ao dun cineclub.

Compartir: