ALCALDÍA

O Concello solicitará un crédito de 600.000 euros para afrontar os gastos da extinción dos incendios nun pleno extraordinario que se convocará o vindeiro luns

30/08/2006 Os lumes que sufriu o Concello de Santiago neste mes de agosto xeraron cuantiosos gastos aos que agora teñen que facer fronte as arcas municipais. Con este motivo, o próximo luns, 4 de setembro, convocarase un pleno extraordinario e fixarase a súa data de celebración, que podería ser nesa mesma semana

No pleno extraordinario solicitarase un crédito de 600.000 euros. Desta contía, 200.000 euros destinaranse a afrontar os gastos de persoal, mentres que os restantes terán como obxectivo cubrir os gastos que ocasionan as actividades de repoboación e reforestación das zonas afectadas.

Non rematan aquí as necesidades económicas: os intensos traballos de extinción dos lumes provocaron importantes danos en dous vehículos todoterreo do servizo de Bombeiros que deberán ser reemprazados. Isto suporá un desembolso de 300.000 euros que se levará a cabo en vindeiras datas. En total, os gastos ocasionados pola vaga de incendios ascende a 900.000 euros.

Compartir: