PLENO

O período medio de pago a provedores situouse en setembro en menos de 27 días

31/10/2014 O Goberno local deu conta ao Pleno do informe do período de pago medio a provedores por parte da Administración municipal correspondente a setembro de 2014, situado neste intre en 26,81 días. Na sesión ordinaria de outubro tamén se aprobou unha bonificación do ICIO á Fundación Catedral e unha reforma da modificación puntual do PXOM no relativo á regulación das situacións fóra de ordenación.

O período medio de pago a provedores de 26,81 días permite cumprir o prazo máximo de 30 días que establece a Ley 2/2012, de 27 de abril. Este prazo cómprese tanto para o Concello como para o Auditorio de Galicia e INCOLSA.

Bonificación do ICIO á Fundación Catedral
Xa en materia de urbanismo, acordouse por unanimidade a bonificación dun 30% do ICIO á Fundación Catedral de Santiago para diversas obras que está a acometer, concretamente o acondicionamento do Pazo de Xelmírez e a retirada do revestimento de bóvedas en mal estado na praza do Obradoiro.

Situacións fóra de ordenación
Por outra parte, cos votos a favor do grupo do Goberno, a abstención do grupo nacionalista e o voto negativo do socialista, aprobouse provisionalmente o documento reformado da modificación puntual do PXOM no relativo á regulación das situacións fóra de ordenación. A reforma ten por obxecto introducir unha serie de correccións na modificación puntual no PXOM xa aprobada polo Pleno o 23 de decembro de 2013, mediante a que se graduaban as obras autorizadas nos inmobles fóra de ordenación.

Segundo explicou a concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, Teresa Gutiérrez, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas non aprobou definitivamente o expediente e instou ao Concello a realizar unha serie de correccións. Indicou que as modificacións introducidas non teñen alcance substancial, xa que non alteran a regulación substantiva do documento sometido a exposición pública, tratándose en realidade de cambios na estruturación formal do seu contido.

As reformas afectan pois ao capítulo IX –artigos 218, 219, 220 e 124.1- e á redacción do artigo 109.2.d).

Compartir: