DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O CIAC organiza en novembro unha mostra fotográfica, un obradoiro sobre experimentos científicos e un roteiro por Belvís

31/10/2014 No mes de novembro, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) acolle a exposición de fotografía Investigarte, no marco da cal organiza o obradoiro para cativos Experimentos científicos moi artísticos. Tamén está previsto o relatorio Os cogomelos nos parques e nos arredores da cidade, dentro do ciclo Biodiversidade na cidade, e un roteiro polo parque de Belvís.

Neste mes de en novembro, co gallo da Semana da Ciencia, estará no CIAC a exposición temporal do concurso de fotografía Investigarte 2013/2014. Este concurso está organizado por un colectivo de novos investigadores e apoiado por EducaBarrié, USC e Fundación Ramón Domínguez. A exposición estará no CIAC dende o sábado 1 de novembro até o domingo 14 de decembro, co seguinte horario de visitas:

- Todos os sábados, domingos e festivos: aberta ao público en xeral no horario de apertura do CIAC, de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas.

- De mércores a venres de 9:00 a 14:00 horas: visitas guiadas para grupos de 10 a 30 persoas, previa reserva no número 981 54 31 45.

Ademais, o CIAC organiza o 8 de novembro, de 17:00 a 18:30 horas, o relatorio Os cogomelos nos parques e nos arredores da cidade, incluído no ciclo Biodiversidade na cidade, que comezou en outubro e que durará ata o mes de febreiro. Este mes toca achegarse ao apaixonante mundo dos cogomelos da man de Martín Souto, biólogo e experto micólogo da USC, con quen os participantes aprenderán moitas curiosidades sobre as diferentes variedades.

A actividade é de balde pero, dado o aforo limitado, é convinte inscribirse a través do teléfono 981 543 145 ou deste formulario de inscrición.

Obradoiro para cativos e roteiro por Belvís
O sábado 15 de novembro, o CIAC realiza o obradoiro Experimentos científicos moi artísticos, dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 10 anos acompañados dun adulto. Haberá dúas quendas, ás 12:00 e ás 17:00 horas.

Do 10 a 16 de novembro celébrase a Semana da Ciencia e, aproveitando a exposición do Concurso de Fotografía Investigarte, celebrarase unha xornada chea de experimentos que achegarán os máis pequenos ás marabillas da ciencia dende unha visión moi artística e moi divertida.

A actividade é de balde pero é preciso inscribirse (rapaces acompañados dun adulto), tamén a través do teléfono 981 543 145 ou desta ligazón.

As propostas propias do CIAC completaranse en novembro o sábado 29, de 12:00 a 13:30 horas, cun roteiro polo parque de Belvís. Os particpiantes poderán descubrir algúns aspectos ambientais e sociais do pasado e do presente deste espazo.

Tamén esta actividade é gratuíta, con inscrición previa no teléfono 981 543 145 ou do formulario de inscrición.

Actividades doutras organizacións
O CIAC acollerá igualmente actividades doutras organizacións, como a presentación do libro de César Lema Cocina bellotera para la era postpetrolera. Será o venres 21 de novembro, ás 19:45 horas, con entrada de balde.

Ao día seguinte, sábado 22, ás 16:30 horas, a Fundación Refuxio de Animais organiza unha xornada para adoptantes.

Compartir: