CULTURA

Concerto da Banda Municipal, teatro infantil con Baobab e Falabaratos con Uri Sabat & Daniela Blume esta fin de semana

31/10/2014 A programación cultural do Concello para esta fin de semana ofrece un concerto da Banda Municipal de Música, teatro infantil con Baobab Teatro e humor con Uri Sabat & Daniela Blume. Tamén teremos a clausura das Xornadas de Música Contemporánea cun concerto do TAC, Taller Atlántico Contemporáneo.

Os composteláns e visitantes terán a oportunidade de escoitar a cantata escénica do compositor alemán Carl Orff Carmina Burana da man do director Casiano Mouriño Maquieira, que será o encargado de dirixir á Banda Municipal de Música de Santiago. Será o domingo, ás 12:00 horas, no Teatro Principal, cun programa no que tamén interpretarán Images of a city, Op. 42, de Cesarini e Bonaparte de Schwarz. A entrada será libre ata completar aforo.

Teatro Infantil con Baobab Teatro
Érase unha vez unha galaxia, a galaxia Leo T formada por planetas, estrelas e Martes. Martes é un ser espacial que vive entre a lúa e as estrelas. Gústalle xogar con elas e nunca, nunca se separa. Martes tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos, aos peidos, etc. Martes tenlle medo a todo por iso nunca saíu da lúa, durme no seu regazo e sácalle brillo para non quedar a escuras.

Esta é a proposta de Martes que Baobab Teatro poñerá sobre as táboas o domingo, ás 18:30 horas, no Auditorio Abanca dentro do ciclo Infantil & Familiar. As entradas teñen un prezo de 5 euros (entrada familiar: 4 entradas por 15 euros) e poden adquirirse no despacho de billetes do Principal no horario habitual e no de Abanca dende as 17:00 horas do propio domingo. Tamén en entradas.abanca.com ou no 902 434 443.

Uri Sabat e Daniela Blume en Falabaratos
Uri Sabat & Daniela Blume, coñecidos locutores de Los 40 Principales presentan, dentro do ciclo Falabaratos,No cambies nunca; solo esta vez. Trátase dunha divertida obra que combina monólogo cómico tradicional con teatro. Durante 80 minutos, os espectadores converteranse en psicólogos que deben diagnosticar a saúde da relación dunha parella nova. As entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Principal. O prezo é de 9 euros (7 € no anfiteatro) en anticipada e 12 euros (10 € no anfiteatro) o propio día do evento.

Compartir: