XUNTA DE GOBERNO

Autorizadas as obras de adaptación dunha parcela preto do CHUS para o seu uso provisional como estacionamento

31/10/2014 A Xunta de Goberno autorizou as obras de adaptación dunha parcela na rúa Chouchiños, preto do Complexo Hospitalario Universitario, para que poida ser habilitada como estacionamento provisional ao aire libre. Terá 46 prazas de aparcamento.

Segundo explicou o alcalde e voceiro da Xunta de Goberno, Agustín Hernández, esta autorización de uso é provisional e só poderá aplicarse a unha parte da parcela coincidente coa clasificación de solo urbanizable.

O acondicionamento da parcela deberá facerse en aglomerado asfáltico en quente sobre o que se pintarán as prazas de aparcamento, símbolos e cableados necesarios, debendo incluír en lugar visible a información sobre o número de prazas autorizado e a actividade desenvolvida.

Entre as obrigas figura tamén a inscrición no rexistro da propiedade da renuncia ao incremento de valor da propiedade polas obras no caso de proceso de expropiación e o compromiso de derrubar as obras ou de cesar a actividade cando así o acorde o Concello.

rendas para a Policía Local
A Xunta de Goberno tamén aprobou a apertura do expediente de contratación para o subministro de prendas de confección a medida para o persoal da Policía Local, cun importe de licitación de 38.013 euros. A partida está dedicada a diferentes prendas con destino aos 142 efectivos deste corpo municipal.

Compartir: