XUNTA DE GOBERNO

O Concello reparte 200.000 euros entre 49 clubs deportivos federados

31/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou a aprobación pola Xunta de Goberno da relación de contías e dos clubs beneficiarios das subvencións para o fomento do deporte federado no ano 2014. Repartiranse 200.000 euros entre 49 clubs ou asociacións deportivas. (Xúntase listaxe).

Estas subvencións están destinadas á promoción das entidades deportivas locais de carácter federado. Trátase de financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas oficiais.

Considéranse subvencionables gastos polos seguintes conceptos: pagamento de licenzas federativas e de mutualidade; desprazamentos dos diferentes equipos ou deportistas a competicións oficiais; aloxamentos polas devanditas competicións; arbitraxes; material deportivo non inventariable; lavandaría; alugueiro de instalacións para adestramentos ou competicións; gastos médicos; pagamento de inscricións en probas de competición de carácter puntual incluídas no calendario federativo; e seguros de responsabilidade civil e/ou accidentes obrigatorios. Todos estes gastos tiñan que corresponder ao ano 2014.

Podían acceder a estas subvencións as entidades deportivas federadas con sede social no Municipio de Santiago e que figuraran inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Non entraban a efectos desta convocatoria as entidades que non participen en competicións oficiais, nin aquelas que cicloturismo, sendeirismo ou similares, como tampouco aquelas entidades que participen unicamente na categoría de 3ª rexional autonómica sénior masculina na modalidade de fútbol, e na categoría de 4ª división sénior masculina na modalidade de baloncesto. Igualmente, non se incluían as entidades privadas de servizos deportivos e aquelas entidades públicas territoriais ou corporativas. Finalmente, tamén estaban excluídas desta convocatoria as categorías dos clubs que teñan un convenio nominal co Concello e os equipos de fútbol sala que participan na competición local/comarcal.

Unha vez aprobada a subvención e notificada aos interesados, estes terán un prazo de xustificación da subvención. Esta xustificación incluirá as facturas ou documentos substitutivos correspondentes a todos os gastos obxecto da subvención, así como o comprobante do seu pagamento mediante transferencia bancaria antes da finalización do período de xustificación da subvención. Excepcionalmente, e de forma xustificada, admitirase o pago en efectivo de facturas por importe inferior a 2.500 euros, as cales deberán vir acompañadas dunha declaración xurada do presidente da entidade. Todas as facturas deberán referirse a gastos do exercicio 2014.

Compartir: