XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local aproba as obras complementarias que permitirán por en marcha o catalizador cultural de Belvís

31/10/2014 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto de actuacións previas á posta en funcionamento do catalizador cultural de Belvís. Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, construirase unha plataforma de 40 metros cadrados na fachada norte, que funcionará como terraza elevada a xeito de miradoiro sobre o parque, á altura do forxado da planta alta.

"Este novo elemento vai permitir múltiples posibilidades de uso e proporciónalle unha relación directa ao edificio co exterior, que se verá maximizada nos días que se poidan abrir todas as portas exteriores", indicou o alcalde.

A estrutura principal terá forma de árbores tubulares de aceiro. Nela asentarase un pavimento de madeira de piñeiro, cun deseño concibido para desaugar a auga o máis axiña posible, aumentando a durabilidade do conxunto. Levará dous modelos distintos de varandas: un con platinas de aceiro e vidro de seguridade, e outro con platinas e tubulares redondos de aceiro, completadas cun cableado de aceiro.

Esta actuación fará precisa a execución dunha escavación para a cimentación da plataforma, que incluirá unha drenaxe da fachada norte. Tamén se farán as obras precisas para os servizos de abastecemento de auga, saneamento e electricidade que permitan a posta en marcha do equipamento. O orzamento total desta actuación é de 60.417 euros e o prazo de execución é de tres meses.

Lembrou Agustín Hernández que as obras de construción do Catalizador Cultural de Belvís, creado a partir dos restos dun antigo curtidoiro no parque de Belvís e encadrado no proxecto Urbana Santiago Norte, foron adxudicadas en agosto de 2011 por un importe de 205.200 euros e rematadas en xaneiro de 2014.

A posta en funcionamento deste equipamento está pendente destas obras complementarias, coas que se completará este espazo público, concibido inicialmente para actividades de lecer e cultura.

Convenios culturais
Tamén en materia cultural, deuse conta da sinatura de 13 convenios con outras tantas entidades, cuns contidos e importes que xa foran aprobados no seu día. Os convenios foron asinados co Padroado do Museo do Pobo Galego (9.180 €), Sala Capitol (9.000 €), A.C. Cidade Vella (8.190€), A.C. Francisco Asorey (2.000 €), A.C. Rocha Forte (2.000 €), A.C. O Galo (2.000 €), Fundación Castelao (300 €), Fundación Rosalía de Castro (3.825 €), Conservatorio de Música Tradicional Folque (8.000 €), Padroado Casa da Troia (3.600 €), Ateneo de Santiago (3.400 €), Fundación do Traxe Galego (3.825 €) e Fundación Compostela Arquitectura (1.500 €).

Programas sociais coa USC
Outro acordo aprobado, neste caso no eido social, é o previsto coa coa Universidade de Santiago para o "Programa de ruptura de parella, non de familia" e o "Programa de mediación familiar", por un importe de 51.000 euros.

Estes programas van dirixidos a eliminar ou minimizar os efectos negativos que produce a separación, a través da intervención cos adultos e cos menores implicados. Inclúese tamén a posibilidade de axuda dunha persoa mediadora na procura de chegar a un acordo ou cando menos minimizar o conflito.

Compartir: