TURISMO

CurtoCircuíto na Rúa exhibe o mellor do panorama español de ficción

30/08/2006 O parque de Bonaval será o escenario escollido esta vez para unha nova sesión de proxeccións de CurtoCircuíto na Rúa. O xoves 31 poderase ver o mellor do panorama español de ficción, acompañado da música de Blue Mouse.

A partir das 22:00 horas xuntaranse no Parque de San Domingos de Bonaval os amantes do cinema en curto para ver os filmes "Mi tío Paco", de Tacho González; "AB+", de Paz Jiménez; "Provervio chino", de Javier San Román; "Energy hunter", de Albert Arizza; "Sintonía", de José Mari Goenaga; "En el bosque", de Maja Djokic; "Casa", de Manuel Sánchez; "DVD", de Ciro Altabás; "Carne de neón", de Paco Cabezas; "Ponys", de David Planell; e "Thumbs up", de Gonzalo López-Gallego.

A música poñeraa Blue Mouse, dj coñecido nos pubs composteláns por unhas sesións que se converten nunha viaxe por músicas clásicas e actuais, pola improvisación e pola mestura de ritmos e estilos. O seu obxectivo é procurar novas sensacións no público.

Esta será a sétima proxección de cinema en curto na rúa, á que, como cada xoves, asistirán os incondicionais seguidores composteláns, ademais de visitantes e turistas ocasionais. Deste xeito incrementaranse os preto de 3.000 espectadores que teñen pasado polos distintos programas de CurtoCircuíto na Rúa.

Compartir: