CONSORCIO

Xosé A. Sánchez Bugallo: "Obradoiros como o de Ánimas permiten manter o patrimonio nas condicións en que o recibimos"

30/08/2006 Trala realización da parte práctica do programa de formación de restauradores, iniciado o pasado 21 de agosto no Centro Mestre Mateo, deu comezo un ciclo de conferencias, que foi inaugurado polo alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, coa participación de máis de corenta restauradores.

Na súa intervención, o alcalde fixo un repaso pola política de rehabilitación do Consorcio, dende o seu inicio na limpeza de fachadas do Casco Histórico ata as seguintes intervencións no interior de vivendas, espazos públicos, órganos, retablos, etc. Sánchez Bugallo matizou, a propósito da realización deste curso de restauración dos retablos da Capela das Ánimas, que "se trata de avanzar neste proceso de rehabilitación, recuperando ás técnicas que nos permitan manter o patrimonio de Santiago nas condicións en que o recibimos".

Nesta liña xirou tamén a intervención de Xosé Manuel Villanueva, xerente do Consorcio de Santiago, que centrou a súa conferencia nos criterios e liñas de traballo para impulsar a renovación urbana dende o Consorcio, así como a articulación do novo sobre o vello e de cómo se reconstrúe a cidade ao longo da historia. Unha evolución que, segundo Xosé Manuel Villanueva, está relacionada "coa ocupación como factor de conservación, coa homoxeneidade dos materiais, co ritmo lento da súa reconstrución e coa continuidade dos oficios".

Finalmente, Villanueva dixo que a política de recuperación debe ir máis alá da política de rehabilitación urbana, tratando de manter a "significación histórica da cidade" (o tecido comercial propio, servizos dirixidos a turistas e residentes, etc.) e coa mirada posta nunha política de conservación. Neste sentido, referiuse aos novos programas do Consorcio como exemplo do novo camiño emprendido: programa de edificios tutelados, mantemento de galerías, curso de restauración de retablos, obradoiro de enlousados, etc.

A xornada de relatorios continuou coa intervención do condutor do curso, Leonardo Passeri, que falou sobre "A tradición na formación do restaurador". A sesión do mércores 30 incluía tamén unha charla sobre "Intervención arquitectónica previa. Danos e medidas adoptadas para sanear os retablos e evitar o seu deterioro", a cargo de Lourdes Pérez Castro, arquitecta directora da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago; e un "Informe histórico dos retablos da Capela Xeral de Ánimas", realizado polo historiador Miguel Cajigal.

A segunda e última sesión da parte teórica terá lugar o xoves 31. Participarán especialistas e directores do Opificio delle Pietre Dure de Florencia, como Mariarosa Lanfranchi, Alberto Felici e Giancarlo Linterna.

Obra única

Os retablos da Capela de Ánimas, creados por Manuel de Prado nos primeiros anos do século XIX, foron realizados en estuco de xeso sobre ladrillo, o que os converte nunha obra de gran orixinalidade e, por isto mesmo, de carácter único en Compostela.

O conxunto está ligado á fundación da Confraría Xeral de Ánimas en 1655. Esta confraría estaba formada por clérigos e laicos ilustrados pertencentes á nobreza e á Universidade. Este colectivo exerceu o apostolado, impregnado dun profundo carácter franciscano e un elevado sentido da caridade cristiá. Tratábase dunha agrupación que exercía a solidariedade veciñal e que influía sobre a sociedade urbana do momento grazas a solvencia económica do grupo.

As obras da igrexa deron comezo o 8 de abril de 1784 e a súa consagración tivo lugar o 31 de agosto de 1788, converténdose no máximo exemplo de arte neoclásico da cidade. O propio arquitecto da igrexa, Melchor de Prado Mariño, foi o inspirador do discurso iconográfico destinado a vestir as numerosas capelas do templo, que foi executado polo seu irmán Manuel de Prado.

O programa escultórico de Manuel de Prado evoca a concepción escenográfica das capelas dos Sacromontes europeos e a especial importancia do Vía Crucis, en estreita conexión co carácter da propia Confraría Xeral de Ánimas.

Os retablos da Paixón

Manuel de Prado realiza esta decoración escultórica da Capela entre 1804 e 1814, considerada como unha das súas obras mestras. As pezas proxectáronse como espello do mundo clásico, pois o estuco é unha técnica decorativa tipicamente italiana, moi utilizada polos romanos e amplamente citada por Plinio e Vitrubio. Deste xeito protagoniza a recuperación estética e temática da romanidade durante o Renacemento, sendo rescatada despois, durante o Neoclasicismo.

A lectura do conxunto iconográfico dos retablos preséntase incompleta. Pois as nove pezas escultóricas que se conservan na actualidade na Capela das Ánimas (incluíndo o retablo maior) son parte dos trece releves proxectados inicialmente e nunca realizados. O ciclo representado é a paixón, morte e resurrección de Cristo.

Os retablos están compostos por dúas partes diferenciadas segundo o material utilizado. Constan dun arco de madeira policromada apoiado sobre un altar do mesmo material e un relevo de estuco inscrito no arco.

Compartir: