CULTURA

Izal, a revelación do pop indie español, en Santiago da man do ciclo Compostela Rock

24/09/2014 Imprescindibles no pop español de 2014, a banda Izal presenta en Santiago Agujeros de gusano, o seu segundo álbum, que colleitou numerosos éxitos de crítica e público. Será este xoves 25, a partir das 21:00 horas, na Sala Capitol e dentro de Compostela Rock, ciclo organizado polo Concello de Santiago. As entradas, a 17 euros anticipada e 20 o día do concerto, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h), en Ticketea, A Reixa Tenda e salacapitol.com.

Tras moitos anos traballando por separado, cinco músicos unen as súas forzas, a finais de 2010, para consolidar –en tan só un ano, a base de puro esforzo e calidade, e empezando de cero– un novo proxecto musical: Izal.

Izal dá un xiro de 180º na forma de entender a música e a súa xestión. Proveñen de diferentes proxectos con máis de 10 anos de música ás súas costas. Liderados por Mikel Izal, vocalista e compositor que encabeza unha formación que completan Alejandro Jordá (batería), Emanuel Pérez (baixo), Alberto Pérez (guitarras) e Ivan Mella (teclados).

Totalmente autoxestionados conseguen, en só uns meses de vida, plantarse no festival Sonorama, o festival de Aranda de Duero, referente da música independente española, ademais de conseguir difusión nacional en canles de televisión como Kiss TV, Sol Música, 40TV, etc. E dan un primeiro salto transoceánico ao participar no Festival Internacional de Quito, en Ecuador. Conseguen nestes meses vender concerto a concerto as 1.000 copias dun primeiro EP que autoeditan, Teletransporte. E para iso só utilizan unha carta de presentación: a súa música. Un son que busca, ante todo, a calidade melódica e lírica.

Despois deste primeiro EP, en marzo de 2012 publican o primeiro longa duración, Magia & Efectos Especiales, esgotado aos poucos meses da súa edición, de novo autoxestionada e que os leva a unha intensa xira polas salas e festivais de todo o país que se prolonga durante todo o ano seguinte.

É en 2013 cando reciben o galardón ao Mellor Grupo Revelación nos Premios da Música Independente, o recoñecemento da revista Rolling Stone e é cando compoñen o que será o disco co que dan o salto definitivo á primeira liña musical.

Neste ano, Agujeros de Gusano está a supoñer para Izal un aplauso unánime, con milleiros de copias vendidas e entradas esgotadas para os seus concertos. Actualmente, Izal é un dos grupos máis populares en España e o seu nome protagoniza a práctica totalidade dos festivais deste verán, nunha intensa xira que os traerá por primeira vez a Santiago de Compostela.

Compartir: