ALCALDÍA

O alcalde anuncia a licitación das obras de mellora da EDAR da Silvouta

27/08/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou que a Sociedade Estatal Augas das Concas de España (AcuaES) vai publicar no seu perfil do contratante a licitación das obras de mellora da estación de depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta. Ata o 1 de outubro estará aberta a presentación de ofertas, continuando así un procedemento que permitirá adxudicar as obras e inicialas neste ano 2014.

Agustín Hernández expresou a súa satisfacción con este novo paso na tramitación, tras o convenio entre o Concello de Santiago, a Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, e a Sociedade Estatal Augas das Concas de España para a execución e explotación das obras de mellora da EDAR da Silvouta, o que permitirá comezar esta actuación este mesmo ano 2014. Trátase dun investimento de 4.700.000 euros, dos que 3.760.000 serán achegados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a través dos fondos FEDER, 470.000 polo Concello e a mesma cantidade por Augas de Galicia.

Coa apertura do procedemento de contratación da obra dáse o paso definitivo para realizar estas actuacións, que permitirán mellorar a calidade da vertedura da actual EDAR de Silvouta, paliando o déficit de capacidade de tratamento das instalación existentes.

Cómpre lembrar que a actual EDAR ten a súa capacidade de tratamento superada en termos de capacidade hidráulica. Ademais, os equipos electromecánicos atópanse obsoletos e moitos deles nun estado de funcionamento precario. Por este motivo, e debido á urxente necesidade de mellora da calidade das augas do río Sar, implantarase unha liña de tratamento de auga e lamas con proceso biolóxico de alta carga. Deste xeito mellorarase o pretratamento. Os criterios de deseño permitirán un alto grao de reutilización deste equipos na futura EDAR do Souto.

A Sociedade Estatal Augas das Concas de España foi a encargada da redacción do proxecto construtivo, así como dos pregos de condicións reguladores dos contratos, da licitación e da adxudicación, así como dos expedientes expropiatorios dos bens e dereitos que resulten afectados pola execución dos proxectos construtivos.

Compartir: