XUNTA DE GOBERNO

Agustín Hernández transmitiralle ao secretario de Estado de Medio Ambiente a necesidade de axilizar a tramitación das melloras da EDAR

31/07/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno do convenio a subscribir pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, o Concello de Santiago e a Sociedade Estatal Augas das Concas de España para a execución e explotación das obras de mellora da EDAR da Silvouta. Sobre esta materia, falará mañá venres co secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, nunha reunión en Madrid.

"Con este convenio damos o paso definitivo para realizar as melloras técnicas imprescindibles na depuradora da Silvouta, co obxectivo de licitalas en 2014 e que estean rematadas en 2015, o que suporá unha mellora ambiental importante para o río Sar", indicou o alcalde, lembrando que estas obras permitirán garantir a calidade das augas do Sar mentres non se constrúe a nova depuradora do Souto. "A tramitación da obra da nova depuradora do Souto avanza segundo o previsto, co estudo de impacto ambiental xa aprobado, e en trámite a asignación de fondos europeos para o seu financiamento, pero a dimensión da intervención fai prever un período de dous ou tres anos no que se seguirá utilizando a vella depuradora e, en consecuencia, é necesario facer actuacións para garantir a mellora da calidade das augas", explicou.

Agustín Hernández insistiu na importancia deste convenio, no que "se aposta por un sistema de decantación acelerada, método que garantiría un mellor efluente final, eliminando materia orgánica nos vertidos". Trátase dun investimento de 4.700.000 euros, dos que 3.760.000 serán achegados polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente a través dos fondos FEDER, 470.000 polo Concello de Santiago e a mesma cantidade por Augas de Galicia. Estas melloras tecnolóxicas serán incorporadas á nova EDAR do Souto cando esta entre en funcionamento.

Tras recordar que os composteláns levan esperando por estas actuacións dende os anos 90, afirmou ser consciente da "urxencia" desta obra. "Por iso manterei mañá unha reunión en Madrid co secretario de Estado de Medio Ambiente para trasladarlle a necesidade de axilizar a tramitación e asinar o antes posible o convenio que hoxe vimos de aprobar en Xunta de Goberno", indicou o alcalde.

Compartir: