CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis de 200 rapaces participaron nas Mañás de Verán e de Xogo dos centros socioculturais durante o mes de xullo

31/07/2014 Co remate do mes de xullo chega tamén o fin do programa das actividades das Mañás de verán e de xogo nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Santa Marta, Conxo e Nemenzo, así como dos dous campamentos realizados polas asociacións veciñais de Figueiras e da Gracia nos respectivos locais socioculturais durante todo este mes.

Un total de 210 rapaces con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos participou durante todo este mes de xullo nas diversas actividades preparadas por monitores especialistas en tempo libre: xogos, actividades predeportivas, obradoiros de plástica, animación á lectura, saídas ao Castelo da Rocha e ao parque acuático de Cerceda, saídas e xogos pola cidade… Todo isto arredor de temáticas diversas como os contos, a historia, o teatro ou a reciclaxe.

A novidade da proposta deste ano foi a oferta de horario ampliado dende as 8:00 ata as 15.00 horas (nos CSC de Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta), para así facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

O balance é a satisfacción tanto dos pequenos como das súas familias, que xa agardan a novas convocatorias o vindeiro verán para poder gozar deste servizo matinal organizado dende o Departamento de Centros Socioculturais no marco do programa Vive o verán. Este último continúa con algunhas actividades máis ata o mes de setembro, con novas convocatorias de baile e excursións, ademais dun taller dirixido a familias con bebés (CSC de Conxo, sabado 13 de setembro.)

Vive o verán
O programa Vive o verán leva prestados desde o seu comezo, o 6 de xuño, ata este mes de xullo, máis de 5.000 servizos de animación sociocultural nas distintas actividades, nas que xa participaron 2.527 persoas.

Destaca a boa acollida de actividades programadas como as saídas pola cidade do programa Vive, Vivencias, Vivamos; as dúas galas de maxia realizadas nos centros do Castiñeiriño e das Fontiñas; os paseos matinais saudables polos parques; a xornada de pesca na Granxa do Xesto; a ruta en bicicleta; os roteiros á procura das herbas do San Xoán; o obradoiro de percusión e a actividade en colaboración coa Fundación SGAE (obradoiro de confección de títeres para nenos); as exhibicións de scalextric; ou o obradoiro de iniciación ao graffiti, que deixou a súa pegada no muro exterior do Local Sociocultural da Pontepedriña cun vistoso debuxo feito entre todos os participantes, rapaces de 10 a 14 anos.

Os centros socioculturais pechan as súas portas ao público ata o mes de setembro, xa coa previsión dun novo curso de actividades socioculturais que os interesados poderán coñecer nesas datas.

Compartir: