ALCALDÍA

O día da Ascensión e San Xoán volverán a ser os festivos locais no ano 2015

30/07/2014 Un dos asuntos que se someterá á aprobación do Pleno municipal deste xoves é a determinación dos festivos locais en 2015. O alcalde compostelán, Agustín Hernández, comunicou que, tal como sucedera este ano, os festivos serán os días da Ascensión e de San Xoán.

En 2015, a Ascensión –que sempre se celebra un xoves- caerá o día 14 de maio. En canto ao outro festivo habitual en Compostela, o San Roque (16 de agosto), a festividade celébrase un domingo, polo que novamente será festivo o día de San Xoán, o 24 de xuño.

Casas de Ramírez
Tamén se someterá á aprobación definitiva do Pleno o estudo de detalle no ámbito das Casas de Ramírez, unha intervención que, segundo o alcalde, "vai supoñer unha mellora moi importante deste ámbito da cidade, non só estética, senón tamén de accesibilidade e de calidade de vida en xeral".

Tras non formularse alegacións no período de información pública, ábrese a porta de forma definitiva a realización de melloras de importancia neste conxunto de case 250 vivendas do centro do Ensanche, nas que viven preto de 800 veciños repartidos en 16 bloques. Tamén é unha zona de interese comercial, na que están enclavados numerosos negocios.

O estudo de detalle define os criterios para as intervencións que afecten a fachadas, cubertas, patios, carpintería exterior, accesos, terrazas ou instalación de ascensores. "A partires de agora –dixo Agustín Hernández- tanto os veciños como os comerciantes da zona van ter vantaxes moi claras con respecto ás tramitacións das obras de mellora que se queiran realizar". Así, elimínanse requisitos como a autorización de Patrimonio, que xa informou favorablemente o estudo de detalle.

As actuacións nun local ou vivenda poderanse autorizar de forma individual. Para fachadas ou zonas comúns a intervención terá que ser por bloque. "Co estudo de detalle garántese a coherencia formal e o mantemento e recuperación da imaxe unitaria de todos os bloques que conforman o ámbito das casas de Ramírez, evitando o que sucedía ata agora, posto que as actuacións que se levaron a cabo en sucesivas etapas realizáronse cunha evidente disparidade de solucións, dando unha imaxe incongruente do conxunto", explicou o rexedor. Exemplo dos modelos tipos que se fixan no documento son os ascensores, que suporán unha importante mellora na accesibilidade.

San Marcos
Tamén no ámbito urbanístico, no Pleno darase conta da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal e do Plan Parcial no ámbito do SUNP-31, en San Marcos. Así, autorizouse un cambio de uso principal en dúas parcelas, de hoteleiro a uso residencial, incorporando un 30% da nova superficie edificable a vivenda protexida. Xunto a este uso principal, mantense como compatible o uso hoteleiro, dotacional e de oficinas.

Lembrou o alcalde que a superficie edificable total autorizada no conxunto das dúas parcelas é de 5.978 metros cadrados construídos, fronte aos 7.034 permitidos polo Plan Parcial vixente. "A nova edificabilidade residencial que resulta da modificación destínase á construción de vivenda colectiva, cun número máximo de 103 vivendas, reservándose para vivenda de protección pública o 30% da nova superficie edificable residencial, isto é, 27 vivendas de protección", indicou.

Compartir: