EDUCACIÓN

Terceira xuntanza de coordinación do plan de obras de verán nos centros escolares

30/06/2014 A concelleira de Educación, Reyes Leis, mantivo con técnicos de Educación e de Urbanismo unha nova xuntanza de coordinación en relación ao plan de obras previsto para este verán nos centros de ensino do municipio. No marco deste programa, o alcalde, Ángel Currás, e a propia edil visitaron a Escola Infantil do Tambre, na que en xullo se renovará o sistema de climatización.

Estableceuse un plan de traballo que implica a visita individualizada a todos os equipamentos para pechar a valoración de cada obra necesaria. Está previsto que durante o período estival se acometan tres paquetes de obras.

O primeiro grupo de obras contempla tres proxectos: a substitución da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento (a obra máis importante polo seu importe, 70.000 euros); a devandita climatización da Escola Infantil do Tambre e o acondicionamento de zonas exteriores na Ludoteca de Fontiñas.

O segundo paquete de actuacións son traballos urxentes á vista das necesidades detectadas polos técnicos municipais na súas visitas aos centros escolares.

Finalmente, o programa completarase cun terceiro paquete de obras, derivadas das demandas realizadas polos responsables dos diferentes colexios e recollidas pola Concellería de Educación. Os técnicos municipais están a visitar todos estes centros para elaborar as memorias valoradas de cada traballo. Así, realizaranse obras en: escolas infantís de San Roque, Tambre, Tras Parlamento, Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños; centros de educación infantil e primaria (CEIP) Quiroga Palacios, As Fontiñas, López Ferreiro, Roxos-Villestro; Monte dos Postes, Vite, Lamas de Abade, Ramón Cabanillas, Mestre Rodríguez Xixirei; Pío XII, Raíña Fabiola, Apóstolo Santiago e Arquitecto Casas Novoa; escolas rurais Bispo Teodormiro, Gaioso-Eixo e Rial-Laraño; Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela; Escola Municipal de Música e Ludoteca de Fontiñas.

Compartir: