MEDIO RURAL

Luis Meijide informou ás asociacións veciñais do rural sobre as actuacións previstas nas parroquias para os vindeiros meses

28/06/2014 O concelleiro Luis Meijide reuniuse no Local Sociocultural da Peregrina con representantes da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA) para informalos polo miúdo dos plans anuais de rozas e rebacheos previstos e sobre as actuacións incluídas polo Concello no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014).

Sobre as rozas, lembroulles que están en marcha os traballos nas parroquias con motivo das diversas festas patronais. Estanse efectuando os traballos en función dun calendario marcado polas datas das celebracións. Xa se realizaron as rozas en Santa Cristina de Fecha, A Gracia, Busto, Cesar, Carballal, Enfesta, Lavacolla e Bando. Quedan por facer os traballos en San Xoán de Fecha, A Peregrina, Grixoa, Verdía, Nemenzo, Marantes, Barciela, Aríns, O Eixo, Marrozos, Laraño, Villestro, Figueiras e Angrois.

Luis Meijide informou ás asociacións da posta en marcha na segunda quincena de xullo do novo contrato anual de rozas para as parroquias do rural. Este contrato anual, que saíu a licitación por 230.000 euros, inclúe dúas rozas xerais por todas as parroquias do rural compostelán: a inicial que comezará en xullo e outra na primavera. Á marxe destas, a empresa adxudicataria irá realizando ao longo do ano as rozas que sexan necesarias en función das necesidades puntuais das parroquias referendadas polos técnicos municipais. Isto permitirá unha maior axilidade na resposta ás demandas veciñais, segundo indicou o edil.

Tamén anual será a partida para o mantemento do firme nas pistas do rural (rebacheos). Destinarase un montante global de 300.000 euros en 2014, co fin de axilizar tamén este tipo de traballos segundo as necesidades que se vaian detectando.

POS 2014
Seguindo co acondicionamento das pistas municipais nas parroquias, o concelleiro explicoulles que, con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS 2014), o Concello investirá 508.320 euros nun proxecto de acondicionamento e mellora de 37 pistas en 17 parroquias do rural, alcanzando os 82.878 metros cadrados.

Realizaranse obras nas seguintes parroquias e vieiros: San Xoán de Fecha (pistas Roán, Lamascal-Fecha e Lamascal-Ponte Vilar); Grixoa (pistas Grixoa-Miramontes e Grixoa-Marzo); San Caetano (pista A Gracia-Escarabuña); A Peregrina; Berdía (pista Chaián-Insuas e pista Lobra); Nemenzo (Nemenzo de Arriba, Paradelas e Os Muíños); Busto (Currais, O Castro-Vilariño e Vilariño); Marantes (Os Mallos, Gosende e Cortos); O Carballal (pista Tarrío); O Eixo (Bornais e Bornais-Uceira); Marrozos (Igrexa, Sixto e Corexo); Sabugueira (Lavacolla-Castiñeira e Lavacolla-Correos); Bando (Bando-campo de fútbol); Aríns (rúa da Pena, Sobríns, Dios Diante e Vilacoba); Villestro (Pousada, Feáns, Pedrido e Barcia); e Laraño (pista Loimil).

Compartir: