EDUCACIÓN

O sábado remata a Campaña de Animación á lectura con dous concertos especiais

30/05/2014 A XIV Campaña Municipal de Animación á Lectura celebra o acto de clausura coa presentación do libro-disco Brinca Vai!. Ademais, a Escola Municipal de Música de Santiago colaborará en dito evento cun concerto na praza do Toural. A concelleira María Castelao asistirá ao acto.

A partir das 12 horas na Galería Sargadelos celebrarase o acto de clausura da XIV Campaña Municipal de Animación á Lectura onde o artista Paco Nogueiras, que contará coa participación de David Pintor e Sr.Sagüillo, amenizará a xornada cun concerto especial presentando o seu novo libro CD-DVD, no 2º andar da galería Sargadelos, Brinca Vai!

Ademáis como noutras ocasións, a Escola Municipal de Música de Santiago colabora en dito evento, desenvolvendo diferentes propostas musicais, todas elas co obxectivo de darlle a oportunidade aos estudantes deste centro educativo de amosar a súa proxección na aprendizaxe do instrumento que toca. Será ás 11.30 horas na praza do Toural.

Así mesmo, é unha ocasión acaída para que os composteláns coñezan e valoren o esforzo e o traballo do alumnado e do profesorado en prol dunha educación musical de calidade.

Compartir: