FESTAS

Continúan as Festas da Ascensión co concerto de Os Resentidos

30/05/2014 Chegados ao ecuador das Festas da Ascensión, están programadas para esta tarde e o fin de semana diversas actividades musicais, deportivas e de lecer para todos os públicos. Unha desas citas é o concerto de Os Resentidos.

A partir das 17:30 horas da tarde de hoxe, na Praza do Toural, haberá diversos obradoiros e exhibicións de graffiti, turntablism, beatbox, breakdance e popping incluídos dentro do programa Cultura Urbana. As 18:30 horas na Zona C, en Bonaval, Os Monicreques de Kukas celebrarán o seu 35 aniversario coa actuación "Xan Perillán compra queixo e compra pan"; as 20:00 horas o Teatro Principal acolle a Gala dos Conservatorios e para ás 20:30 horas o Salón Teatro recibe a Fetén Fetén. O parque da Alameda será o escenario do xa clásico torneo de chave.

Para a noite, a partir das 22:00 horas, a Praza da Quintana albergará o concerto de Os Resentidos con entrada libre, e na Alameda actuará a orquestra Capitol.

Sábado 31
Na xornada do sábado, na praza Roxa, haberá xogos populares para todos os públicos a partir das 12:00, momento no que dará comezo o percorrido dunha charanga polas rúas da zona nova. Repetirá actuación ás 20:00 horas.

Previamente, a partir das 10:30 horas, disputarase o Trofeo de Santiago de Ciclismo con saída e meta en Xoán Carlos I.

Ademais, o recinto feiral de Amio acolle un ano máis a Festa dos Maiores, que chega xa á súa XV edición. O xantar servirase a partir das 14:00 horas, con posterior sesión de baile e festa a cargo da orquestra D´Tacón.

Os nenos teñen outra cita cos Monicreques de Kukas e o seu espectáculo "Xan Perillán Compra Queixo e Compra Pan". Será na Zona C, en Bonaval, a partir das 18:30 horas e a mesma hora no Teatro Principal, os máis pequenos poderán gozar dunha comedia infantil baixo o nome Sopa de Sapos

Tamén ás 17:00 horas e ás 20:00 horas, na Alameda, celebrarase un Campionato de Chave, mentres que no Centro Sociocultural de Santa Marta, ás 19:00 horas, Roberto Vidal representará o seu espectáculo Animaliños que repetirá ás 22:30 horas.

E para rematar a xornada, a Praza da Quintana recibirá o festival 40 Santiago Pop, organizado en colaboración coa cadea 40 Principales que terá a Antonio Orozco como principal actuación. E na Alameda estará a Orquestra Trovadores.

Domingo 1
O domingo 1, última xornada das Festas da Ascensión, as actividades comezan ás 9:00 horas. Dende a carballeira de San Lourenzo está programada a saída da II BTT Compostela, proba organizada polo club BTT que culminará cun xantar no restaurante do Monte da Condesa. E tamén terá lugar a 1º Compos Trail, unha proba de Trail de 24 km pola zona do Monte Pedroso que compartirá alguns dos seus camiños coa Compostela BTT.

Cara ao mediodía, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto na rúa do Vilar e o pasarrúas Trópìco de Grelos amenizarán a zona vella.

Os monicreques de Kukas e a comedia teatral Sopa de Sapo repetirán os espectáculos do sábado, mantendo lugar e horario.

Dende as 17:50 horas, 13 corais ofrecerán recitais en diferentes emprazamentos da zona monumental para rematar todas xuntas na praza de Praterías ás 20:00 horas: Asubío e Voces do Camiño en Praterías, A Ruliña e Cantiga de Agarimos no Toural, Coto da Nai e Pontemantible na Rúa Nova, Santa Susana e Irmán Gómez na Praza do Obradoiro, Amigos de Compostela e La Salle en Cervantes, e Xuntanza, Xúbilo e Castrosúa na Quintana.

Con esta variedade de actividades programadas darán por finalizadas as festas da Ascensión 2014.

Compartir: